A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos recolle nunha exposición fotográfica a traxectoria da súa loita contra a instalación dun macrovertedoiro encuberto

A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos recolle nunha exposición fotográfica a traxectoria da súa loita contra a instalación dun macrovertedoiro encuberto
Fonte: Facebook
A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos recolle nunha exposición fotográfica a traxectoria da súa loita contra a instalación dun macrovertedoiro encuberto

A exposición, que leva por título "A loita de Casalonga en imaxe. A historia dunha loita contra a xestión especulativa do lixo" poderá visitarse na casa de xantar compostelán O Dezaseis ata o 28 de febreiro


Xa pode visitarse a exposición que recolle as fotografías coas que a Plataforma Casalonga Limpa de Residuos quere plasmar a súa loita a través dalgunhas das mobilizacións cidadás máis significativas que levaron a cabo na súa curta traxectoria.

Neste percorrido pódese revisitar dende aquela primeira andaina á canteira no mes de xuño ata a gran cadea humana de setembro, pasando polo festival DesPlanta Sons ou as reunións veciñais no baixo do restaurante San Martiño. Son intres capturados no tempo que reflicten a intensidade coa que Teo e contorna viviron esta loita ao longo do pasado verán.

Dende que saltaran as primeiras alarmas na primavera de 2018, a cidadanía amosou de maneira unánime o seu rexeitamento á instalación dun macrovertedoiro na antiga canteira da Casalonga. A constitución desta plataforma foi o primeiro paso dunha loita que abrangue diferentes ámbitos, dende o legal ata o veciñal. As diferentes mobilizacións cidadás que os visitantes poderán ver nas imaxes escollidas conseguiron botar abaixo os dous proxectos presentados pola empresa propietaria dos terreos, pero non por iso a ameaza deixou de estar presente: agárdase que nos primeiros meses deste 2019 a empresa presente un novo proxecto.

As 17 fotografías que compoñen a exposición son autoría de Lorena Cao e Moncho Rivadulla, dous fotógrafos que acompañaron á plataforma dende o inicio da súa andaina e que ofreceron o seu traballo de maneira altruista para deixar pegada destes intres de loita que agora se poden ver nas paredes da casa de xantar O Dezaseis, en Santiago de Compostela, ata o 28 de febreiro.

Comentarios