A estratexia para evitar as multas dos camións que van ao vertedoiro de Miramontes

A estratexia para evitar as multas dos camións que van ao vertedoiro de Miramontes

O modus operandi que se trae o vertedoiro deixa entrever moi ben con quen estamos a tratar. Avísanse os uns aos outros e están alerta para que a Garda Civil non os pille cometendo unha infracción e, mentres, a encher o vertedoiro diante dos nosos narices"

Segundo afirma a Plataforma de afectados polo vertedoiro de Santiago de Compostela - Miramontes, o venres en Miramontes estivo axitado. Antes das 11 da mañá chegou unha patrulla da Garda Civil de Tráfico para prohibir o paso ao Complexo Ambiental a todo aquel camión que non tivera autorización para circular polo Camiño de Gandarón, a única vía de acceso á antiga canteira, na que se sitúan o vertedoiro e unha planta de elaboración de tecnosolos cuxa actividade foi paralizada pola Xunta de Galicia hai un ano.

Cómpre lembrar que, na pista de acceso ao complexo de tratamento de residuos, existe un sinal de limitación de circulación para vehículos de máis de 5,5 toneladas. A única empresa que ten unha excepción que lle permite o paso é Áridos CNC, pero nin Tecnosolos Galaicos S.L. nin a UTE Eyrega contan con tal permiso e, aínda así, seguen entrando camións ao vertedoiro cada día, violando sistematicamente a prohibición do sinal; un feito contra o cal os membros da plataforma veciñal levan tempo loitando.

Ante a presenza da Garda Civil non puido subir ningún camión cara ao vertedoiro, e algúns foron multados. Ata o cruce achegouse un responsable da canteira de áridos cun documento que di que os camións poden circular pola vía rural, pero unha veciña integrante da plataforma de afectados polo vertedoiro amosou documentación oficial do Concello na que se manifesta que os camións de áridos si poden acceder, pero non os que se dirixan á planta de tecnosolos nin ao vertedoiro, xa que non regularizaron a súa situación cando lles foi requerido, polo que carecen de autorización.

Membros da plataforma declaraban a súa sorpresa porque acudira a Garda Civil a Miramontes sen que ninguén a tivera chamado. "Parece que por fin empezan a facer o seu traballo. Moitas veces chamouse e ninguén acudiu, por iso o de hoxe nos sorprendeu tan gratamente".

Ás 13:30 marchou a patrulla. Un anaco despois comezaron a subir camións outra vez, segundo deron fe testemuñas oculares que decidiron, esta vez si, chamar a Tráfico, que agradeceu o aviso e volveu presentarse en Miramontes. "Desde que veu Tráfico pola tarde non apareceron máis camións, avisaríanse entre eles. E os camións que subiron cando non había vixilancia, agora non baixan", contaba unha das veciñas máis afectadas polas actividades do complexo.

Logo de marchar Tráfico ás 17h, os camións que quedaran agardando no complexo volveron baixar e chegaron outros novos. "O modus operandi que se trae o vertedoiro deixa entrever moi ben con quen estamos a tratar. Avísanse os uns aos outros e están alerta para que a Garda Civil non os pille cometendo unha infracción e, mentres, a encher o vertedoiro diante dos nosos narices", expresaba unha veciña indignada.

Comentarios