Felipe Criado falará no Ateneo sobre a masificación turística de Compostela

Felipe Criado falará no Ateneo sobre a masificación turística de Compostela

O acto terá lugar hoxe luns día 11 ás 20.00 horas na sede de Afundación de Santiago

En 1993 o Camiño de Santiago foi declarado Patrimonio da Humanidade e nestes 25 anos cambiaron moitas cousas e non todas para ben. O mellor valor da cidade é unha imaxe de marca internacional baseada no patrimonio, material e intanxible, excepcional de Santiago. O seu éxito cambiou e cambiará aínda máis a cidade e as súas xentes, xerándolles grandes problemas prácticos, non só por aguantar a presión do turismo de masas, senón porque os veciños e veciñas se ven desbotados destas tendencias.

O Profesor de investigación do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT) Felipe Criado, na conferencia de Os Luns do Ateneo “A explosión do Camiño e o benestar da Cidade”, pregúntase se hai sitio nesta cidade para máis xente que hostaleiros, restauradores e promotores de Airbnb e tentará demostrar que si, cuestionándose temas como a existencia dun proxecto urbano compartido que faga viable un futuro inclusivo, a xestión do Pórtico da Gloria, o desinterese cara ao Patrimonio ou a falta de debate sobre a taxa turística.

O acto terá lugar hoxe luns día 11 ás 20.00 horas na sede de Afundación de Santiago (Rúa do Vilar, 19), permitíndose o acceso libre e gratuíto ata completar o aforo máximo e rematando cun debate co público asistente. Ademais, a conferencia tamén se poderá seguir en directo a través da páxina web e as redes sociais do Ateneo de Santiago.

Comentarios