A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal Celebra o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

Foto de arquivo
A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal Celebra o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia

O espectáculo A historia en feminino terá lugar hoxe luns 11 de febreiro ás 18.30h no salón de actos

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal desexa sumarse á celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia e, con este motivo, acolle o espectáculo A historia en feminino (monográfico mulleres na Ciencia) que estará a cargo de Lisístrata e terá lugar hoxe luns 11 de febreiro ás 18.30h no salón de actos. A actividade estará acompañada dunha pequena exposición adicada ás mulleres científicas. Mulleres que romperon barreiras e destacaron nun mundo de homes e, pese aos seus logros en ciencia e tecnoloxía foron inxustamente invisibilizadas. Xa é hora de que se coñezan as súas vidas e logros e de crear referentes nas nenas para que se acheguen ao mundo da ciencia, mediante contos, xogos.... Sumámonos así á proposta da plataforma Iniciativa11defebrero para visibilizar o traballo das científicas e crear roles femininos nos ámbitos da ciencia e a enxeñería e promover prácticas que favorezan a igualdade de xénero no ámbito científico. A actividade vai dirixida a un público familiar e a entrada é libre ata completar a capacidade da

sala.

Ademais, todas as persoas que se acheguen á biblioteca poderán desfrutar do centro de interese permanente sobre Igualdade que está na sala infantil e da Biblioteca Feminista, situada no 3o andar.

O Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia foi proclamado no ano 2015 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas co fin de lograr o acceso e a participación plena e equitativa na Ciencia para as mulleres e as nenas. A fenda de xénero nos sectores da ciencia, a tecnoloxía, a enxeñería e as matemáticas (STEM) persiste desde hai anos en todo o mundo. A pesar de que a participación das mulleres nas carreiras de grao superior aumentou enormemente, están todavía insuficientemente representadas nestes campos. A ciencia e a igualdade de xénero son vitais para alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), incluidos na Axenda 2030.

Comentarios