O lobby mineiro lanza nova campaña de enxeñaría social dirixida ao ensino infantil, primario e secundario

O lobby mineiro lanza nova campaña de enxeñaría social dirixida ao ensino infantil, primario e secundario
O lobby mineiro lanza nova campaña de enxeñaría social dirixida ao ensino infantil, primario e secundario

A Rede Contraminacción denuncia a imaxe falsa que pretenden presentar a Xunta e o sector

A Rede ContraMINAcción denuncia a agresiva campaña de enxeñaría social que veñen de lanzar a Cámara Oficial Mineira de Galicia e a Xunta para realizar un “lavado de cara” dos graves impactos ambientais da minaría e a enrome repulsa social que veñen xerando proxectos como os de Corcoesto, Touro, San Finx, ERIMSA ou Triacastela. O lobby lanzará o próximo día 12 de febreiro na Cidade da Cultura de Galicia un “kit” de materiais supostamente educativos destinados a nenas e nenos de infantil, primaria e secundaria, así como a marca “Minaría Sostible de Galicia” coa que se enmarca esta acción respaldada por Xunta de sector.

Nun intento máis de “lavado de cara”, a Cámara oficial mineira de Galicia, representada polo seu Director Diego López, a Escola de Enxeñeiros de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, representada por Natalia Caparrini, o Colexio Oficial de Xeólogos, representado por Pablo Núñez co refrendo da intervención do Conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, presentarán publicamente a campaña de enxeñaría social “Minaría Sostible de Galicia”, que suscitou o rexeitamento frontal das decenas de colectivos integradas en ContraMINAcción que veñen denunciando repetidamente como administracións e mineiras miran para outro lado ante as vulneracións legais das explotación que deixan un regueiro de contaminación e destrución polo país.

A problemática ambiental causada pola atividade mineira irresponsável conseguiu permanecer até fai moi pouco tempo silenciada polas empresas concesionarias en conivencia con diferentes administracións públicas. Desde fai algúns anos, coincidindo co abrollar de grupos sociais críticos e reactivos ante o incumprimento da lexislación ambiental, o lobby mineiro presente na Galiza, co apoio da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (entre outros organismos públicos), ven orquestrando unha campaña de enxeñaría social que procura xerar un estado de opinión favorável á minaría, ocultando os desastres ambientais causados até a atualidade e a falta de aplicación efetiva da lexislación en materia de medio ambiente. Esta campaña de alienación tende a atacar os sectores mais vulneráveis da nosa sociedade, entre os cales se atopam as crianzas e adolescentes. Exemplo claro disto é a elaboración e intención de difusión das proxeccións audiovisuais destinadas a educación infantil, primaria e secundaria, que anuncian presentar nese ato do12 de febreiro:

- Minaría Sostible Infantil: https://www.youtube.com/watch?v=FysyXvoiDW0

- Minaría Sostible Primaria: https://www.youtube.com/watch?v=IR5g35y8_74

- Minaría Sostible Secundaria: https://www.youtube.com/watch?v=2dmd2aldStY

Mentres a administración dedica grandes esforzos e recursos públicos a estas campañas de enxeñaría social ducias de explotacións mineiras continúan sen restaurar ou, o que é peor, se convirten en focos agravados de contaminación como ilustran as minas-vertedoiro de Miramontes, Casalonga ou Touro, na contorna da capital galega. Especialmente crítica é a afección por augas ácidas de mina e metais pesados que afectan explotacións como as de Monte Neme, San Finx, Barilongo, Fontao ou Touro, e nas que a Xunta ven intervindo con campañas de propaganda (como os carteis de Turismo de Galicia sobre as balsas tóxicas de Monte Neme) ou os museos mineiros de San Finx ou Fontao, aos que cada ano se levan a millares de nenas e nenos en actividades escolares dirixidas a promover esta imaxe distorsionada da minaría.

Cómpre indicar tamén a falla de transparencia que existe en relación ao outorgamento das axudas que recibe o sector, para estas actividades divulgativas. Así a Orde do 15 de marzo de 2018, establecía as bases reguladoras para a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro, en réxime de concorrencia competitiva, para o fomento do sector mineiro galego, e se procedía á súa convocatoria para o ano 2018. Sen embargo, a falla de transparencia na concesión destas axudas é tan evidente que non existe nin rastro das persoas beneficiarias nin das actividades que se realizaron cos fondos públicos de todas as galegas e galegos, tanto no DOG como na web da Consellería de Industria e da Dirección Xeral de Enerxía e Minas. Polo tanto, é imposible saber tanto a identidade das persoas beneficiarias, como das contías das axudas e do seu obxecto, o que agrava o “escurantismo” que envolve ao sector, propiciado pola propia Xunta de Galicia.

Falla de restauración mineira e danos á paisaxe, a práctica habitual do sector mineiro galego

Desde a Rede Contraminacción indican que, hai que ser “cínicos” para falar de “Minaría sostible”, tendo en conta o actual estado das minas de Touro, San Finx, Monte Neme ou Santa Comba, por citar apenas algúns exemplos, onde a drenaxe ácida de mina ten impacto sobre os sistemas fluviais e marítimos. Existen actualmente investigacións en curso tanto no Parlamento Europeo como nas Nacións Unidas sobre os efectos destas explotacións mineiras e o papel ocultador da administración galega.

No caso de Monte Neme, baixo o nome de “lago de intenso azul” ou “hermosas aguas turquesas” ou “paraíso”, estanse a apoiar desde a Xunta de Galicia as “bondades” de balsas tóxicas de residuos mineiros, que acumulan gran cantidade de metais pesados e que son froito da minería extractiva e contaminante. Este non é o único exemplo, como ilustran moitos outras casos de degradación ambiental e paisaxística. Por citar algúns, véxanse os casos da Poza de Cartelle, en Ourense, afectada pola drenaxe áceda da minería; a Poza da canteira de Ventoxo, no municipio de Forcarei (Pontevedra); a Poza da canteira de Pedras Miúdas, en Catoira, afectada pola drenaxe áceda da minería; a Poza da canteira de Nantón, Cabana de Bergantiños (A Coruña), afectada pola drenaxe áceda da minería; a Balsa tóxica da minería no Monte Neme, en Carballo, acentúada polo drama de esta, que incluso foi obxecto de publicidade institucional por parte da Axencia de Turismo de Galicia.

Non é a primeira vez que o lobby mineiro intenta un facer un “lavado de cara”, pero non convence a ningúen

A desesperación do lobby mineiro por ser aceptado socialmente levouno a reunirse con anterioridade en Santiago de Compostela, baixo o lema “Compromiso coa sociedade”, no marco do V Congreso Nacional de Áridos organizado pola Federación de Áridos (FdA). O lobby mineiro botaba man, naquel intre, do apoio institucional e de altos cargos da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, do concello de Santiago, do Ministerio de Transición ecolóxica, do Adif e da entidade ambiental Seo Bird Life para “un lavado de cara” sen precedentes da minaría galega, dentro V Congreso Nacional de Áridos, que tivo lugar o 24 de outubro pasado, en Santiago de Compostela, baixo o lema “Comprometidos coa sociedade”.

Comentarios