A Plataforma de Afectados polo Vertedoiro de Santiago-Miramontes lembra os incumprimentos detectados nas inspección da Xunta respecto á planta de elaboración de tecnosolos

A Plataforma de Afectados polo Vertedoiro de Santiago-Miramontes lembra os incumprimentos detectados nas inspección da Xunta respecto á planta de elaboración de tecnosolos
Foto de arquivo
A Plataforma de Afectados polo Vertedoiro de Santiago-Miramontes lembra os incumprimentos detectados nas inspección da Xunta respecto á planta de elaboración de tecnosolos

A meirande parte das mostras do tecnosolo analizadas nas inspeccións, incumprían nalgún parámetro os límites establecidos na instrución técnica ITR/01/08 referente á elaboración de solos derivados de residuos

En relación co comunicado do Complexo Ambiental Miramontes, publicado estes días en varios medios de comunicación, onde se afirma que os tecnosolos elaborados en Miramontes son “tencosolos de calidade” e “inocuos”, a Plataforma de Afectados Polo Vertedoiro de Santiago de Compostela-Miramontes remítese ás inspeccións realizadas pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático. Nestas inspeccións, levadas a cabo tras as denuncias dos veciños, quedou demostrado que a mestura que se elaboraba en Miramontes nin sequera ten a consideración de tecnosolo e que, polo tanto, o material depositado na canteira é un vertido de residuos.

A meirande parte das mostras do tecnosolo analizadas nas inspeccións (elaborado e aplicado en distintos momentos do tempo), incumprían nalgún parámetro (algúns metais pesados, nitratos e hidrocarburos) os límites establecidos na instrución técnica ITR/01/08 referente á elaboración de solos (tecnosolos) derivados de residuos, de obrigado cumprimento para a empresa. Ademais disto, almacenábanse residuos (sólidos e líquidos) directamente sobre o terreo, fóra da planta, así como supostos tecnosolos aínda en estado de maduración, producindo lixiviados que se conducían mediante unha gabia escavada no terreo cara ao exterior da canteira. En xaneiro de 2018 denunciouse este vertido que discorría pola ladeira da montaña e invadía fincas veciñais ata chegar ás augas do regato do Gatofero, a máis de 300 metros da canteira.

A planta de elaboración de tecnosolos permanece pechada cautelarmente pola Xunta dende febreiro de 2018 e ditáronse dúas resolucións sancionadoras por incumprimentos da lei de residuos e da lei de prevención e control integrados da contaminación, cunhas sancións que suman un total de 195.000€ e a obriga de retirar todo o material depositado na canteira (que non ten a consideración de tecnosolo). As sancións foron recorridas pola empresa e o material contaminante segue depositado sobre o chan.

Nunha intervención parlamentaria de xullo de 2018, a Directora Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático fixo a seguinte relación de incumprimentos da planta de tecnosolos de Miramontes:

- A planta excedeu a súa capacidade máxima autorizada de xestión de residuos

- Os residuos utilizados para a elaboración dos tecnosolos non cumpren os requisitos esixidos

- Non se realizan os controis pertinentes aos residuos de entrada

- O tratamento dos residuos non é o axeitado

- O material resultante non cumpre os requisitos esixidos

- Construción de balsas de pluviais e lixiviados non contempladas na súa autorización

- Almacenamento sen autorización de residuos e tecnosolos en condicións inadecuadas (no exterior da planta, expostos á auga da chuvia e sobre o terreo)

- Incumprimento das condicións na aplicación do tecnosolo na canteira pola aplicación dun material que non cumpre os requisitos para ser considerado tecnosolo, a aplicación en zonas non autorizadas e por superar o grosor máximo permitido

- Ausencia de controis ao material resultante

- Vertido e eliminación incontrolada dos lixiviados, tanto dos residuos antes do seu tratamento como do material resultante

- Incumprimento da obriga de proporcionar documentación á Administración

- Contradición nos datos contidos na documentación presentada

- Obstrución á actividade inspectora

A Plataforma quere amosar a súa preocupación porque, máis dun ano despois das inspeccións, o vertido de residuos (suposto tecnosolo) continúa depositado na canteira. Os veciños esiximos, unha vez máis, o peche definitivo da planta de elaboración de tecnosolos polos incumprimentos moi graves das súas autorizacións, a retirada inmediata de todo o material contaminante para o seu envío a un xestor autorizado e a adopción das medidas necesarias para restaurar o espazo contaminado.

Comentarios