O BNG amosa o seu apoio para seguir co proceso de recuperación das esculturas do Mestre Mateo

O BNG amosa o seu apoio para seguir co proceso de recuperación das esculturas do Mestre Mateo

A sentenza chega a pór en dúbida se son obras do Mestre Mateo e se estiveron no Pórtico da Gloria

A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, enviou todo o apoio ao Goberno do Concello de Santiago “para recorrer a sentenza disparatada contra a recuperación das estatuas de Abraham e Isaac do Mestre Mateo, para ser bens de dominio público”.

A sentenza chega a pór en dúbida se son obras do Mestre Mateo e se estiveron no Pórtico da Gloria, “entendemos o pouco rigor que pode ter esta sentenza cando en catro días está ditada cun asunto desta envergadura”. Ademais, esta sentenza pode servir de precedente, coa idea de que “non se pode mover nada do que pasou na etapa do franquismo porque ten que continuar así”. “É unha mensaxe que nos queren trasladar e á que nos opoñemos de maneira contundente”, engadiu.

"Esas estatuas son de dominio público e, polo tanto, imprescritíbeis e non se poden someter á figura de usucapión, porque son pertencentes ao patrimonio histórico-artístico nacional", explicou.

Trátase dun esquema semellante ao Pazo de Meirás, cun informe xurídico encargado pola Deputación da Coruña, que tamén manifesta que as estatuas pertencen ao patrimonio do Estado e, en tanto foron concedidas ao xefe de Estado formarían parte do patrimonio do Estado, que nunca prescribe nin se ve afectado pola usucapión.

Expresou, neste sentido, “todo o apoio do BNG ao Goberno de Santiago e todo o noso empeño en continuar co proceso para sermos capaces de mover unha Xustiza que é evidente que está situada no franquismo e non quere ter en conta cuestións como a riqueza patrimonial e o que significa o legado do Mestre Mateo”.

Comentarios
Lo más