Goretti Sanmartín insta ao Goberno local a traballar no novo contrato dos comedores escolares

Goretti Sanmartín insta ao Goberno local a traballar no novo contrato dos comedores escolares

Pide que na elaboración do prego se teña en conta a mellora da calidade da alimentación con produtos frescos, de proximidade e ecolóxicos

A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, advírtelle ao Goberno local que debe comezar a traballar para contratar o novo concurso de comedores escolares, coas recomendacións da comunidade educativa, para que vaia en prazo e o servizo poida estar operativo en setembro co inicio do novo curso, cando remata a concesión actual

Despois dos problemas sufridos nos comedores escolares durante todo este mandato municipal, con queixas constantes da comunidade educativa, faise necesario que o Goberno local se implique na boa xestión deste servizo esencial como é a alimentación de nenos e nenas nos centros de ensino de Santiago de Compostela, explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.

Require tamén o BNG, de acordo coas demandas da Federación de ANPA, que na elaboración do prego se teña en conta a mellora da calidade da alimentación con produtos frescos, de proximidade e ecolóxicos; a proximidade dos centros de produción nos casos de que non se cociñe nos propios centros; e estudar a posibilidade de sacar o concurso por lotes para facilitar a participación de pequenas empresas de Compostela que, doutro xeito, quedarían excluídas pola elevada fianza ou solvencia requirida en grandes concursos de adxudicación. Na anterior edición, o contrato adxudicouse por 845.818 euros/ano.

Contar cun bo servizo de comedor escolar público e de calidade, para Goretti Sanmartín, ademais de ter unha dimensión social e de adquisición de hábitos nutricionais e de hixiene desde a infancia, supón tamén un factor importante para favorecer a conciliación familiar e laboral.

En paralelo, cómpre iniciar axiña a tramitación das bolsas de comedor e de actividades extraescolares para o vindeiro curso 2019-2020 co obxectivo de que en setembro as unidades familiares xa saiban con que prestacións poden contar para matricular os nenos e as nenas ao inicio da programación. Neste sentido, o BNG reclamou a necesidade de simplificar o procedemento burocrático co fin de facilitar a presentación das solicitudes por parte das familias e a avaliación por parte do persoal municipal.

Cómpre lembrar que o BNG conseguiu nas negociacións de Orzamentos municipais de anos anteriores duplicar a partida de axudas para comedor escolar até 300.000 euros.

Comentarios
Lo más