A Asociación Área Empresarial do Tambre asesorará a menores de 30 anos para a súa inserción laboral

A Asociación Área Empresarial do Tambre asesorará a menores de 30 anos para a súa inserción laboral
A Asociación Área Empresarial do Tambre asesorará a menores de 30 anos para a súa inserción laboral

Inclúe prácticas en empresas da contorna empresarial e programación formativa para mellorar a empregabilidade dos participantes

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) inicia unha nova edición do Programa Integrado de Emprego de Galicia “TAMBRE TRABALLA IV”, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través dos programas da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral (Servizo de Programas Mixtos).

Nesta edición, a asociación traballará con 100 participantes menores de 30 anos con perfís moi distintos en canto a estudos realizados. O aspecto esencial do programa céntrase nas accións de orientación e intermediación laboral para a inserción dos participantes, que axudarán a potenciar a súa confianza, reforzar a súa motivación e enriquecer os seus contactos sociolaborais. Ademais, esta orientación laboral servirá para que os participantes coñezan novas técnicas de procura de emprego, realización de currículos ou a preparación de entrevistas de traballo.

O programa, que se desenvolverá ata o mes de novembro, conta tamén cunha dimensión formativa, coa programación de accións sobre motivación, habilidades comunicativas, idiomas ou informática, destinadas a mellorar a empregabilidade dos participantes. Outra cuestión que se traballa no programa é a realización de prácticas profesionais non laborais en empresas da contorna para que os participantes adquiran habilidades e hábitos de traballo. A asociación considera que as prácticas son unha actividade moi aceptada polas empresas, xa que lles permite testar a integración dos candidatos no ambiente da empresa.

Nesta liña de fomento do emprego, a Asociación Área Empresarial do Tambre xestiona desde hai quince anos unha bolsa de emprego para facilitar a selección de persoal das empresas asentadas nas áreas empresariais de Santiago e a comarca. E no 2015 puxo en marcha o Programa Integrado de Emprego de Galicia “TAMBRE TRABALLA”, e xa nesta primeira edición atoparon traballo o 50 por centro dos participantes. Cos medidas como estas, a asociación aposta decididamente pola orientación e formación continua como a “mellor vía para obter emprego”, convertendo a inserción laboral nunha das súas principais misións como asociación.

Comentarios