Demandan un incremento de policías locais e nacionais en Santiago

Demandan un incremento de policías locais e nacionais en Santiago
Demandan un incremento de policías locais e nacionais en Santiago

Demandan un incremento de medio centenar de policías locais, 250 polícias nacionais para Galicia “e, en especial para Santiago,” e 75 axentes para a Unidade adscrita á Xunta de Galicia

O Grupo Municipal Popular levará ao vindeiro Pleno municipal de febreiro unha iniciativa para tratar de obter o acordo da Corporación ante a o descenso do número de policías existentes en Santiago, tanto a nivel local, como autonómico e nacional, para afrontar as necesidades actuais e, sobre todo, coa mirada posta no Ano Xacobeo de 2021.

Os populares sinalan que a distribución territorial da Policía Nacional en Galicia non conta coa dotación de efectivos que serían necesarios para unha correcta prestación dos servizos tanto no que respecta ás seis sedes da policiá adscrita á Xunta, con 400 axentes dos 500 previsto no catálogo, como no caso da rede de comisarías e dependencias da Policía Nacional radicadas nas capitais de provincia, en grandes cidades e nalgunha cabeceiras de comarca, con 2.593 axentes dos 3.249 que lle corresponderían por catálogo.

Esta importante redución dun 20% e un 20,2%, respectivamente, contrasta co aumento das funcións que se veñen prestando os corpos e forzas de seguridade do Estado (en relación cos delitos de violencia de xénero ou telemáticos, entre outros), a reducción de prazas convocadas nos últimos anos e tamén pola falta de resposición de efectivos.

SITUACIÓN GRAVE EN SANTIAGO

O Grupo Municipal Popular destaca que a perda de efectivos ten o seu correlato aumentado na cidade de Santiago onde a Policía Nacional, debería contar con 278 axentes e ten apenas 216 (-22%.) e algo semelllante acontece coa Policía Local, que ademais das funcións de colaboración co resto dos corpos e forzas de seguridade do Estado ten como propias as relacionadas co tráfico e vixilancia no ámbito municipal.

Neste caso, segundo a ratio fixada pola normativa é de 173 axentes locais, aínda que na actualidade Santiago unicamente ten 124 (unha reducción do 28%). Esta carencia de efectivos afecta á seguridade pública dunha cidade con necesidades propias da súa condición de capital de Galicia e centro turístico de primeira orde mundial, sobre todo ante a celebración do Ano Santo Xacobeo de 2021.

NOVOS 50 POLICÍAS LOCAIS, 250 NACIONAIS EN GALICIA E 75 ADSCRITOS Á XUNTA

Os de Agustín Hernández propoñen un acordo para que o Concello impulse os mecanismos necesarios que permitan prover á maior brevidade as prazas vacantes existentes no Corpo da Policía Local por xubilacións e que, de forma simultánea, proceda a demandar do Ministerio competente en materia de política territorial e función pública a posibilidade de acadar o número de axentes necesario –cando menos incrementar os 124 actuais ata os 173 que normativamente lle corresponderían- para afrontar con garantías os niveis de seguridade que demanda unha cita de tanta transcendencia como o Ano Santo Xacobeo.

A maiores proponse instar ao Ministerio do Interior do Goberno de España a que nas próximas convocatorias de novas prazas e de concurso de méritos se contemple a cobertura dun número suficiente de prazas vacantes de axentes da Policía Nacional, non inferior a 250, para atender as graves carencias de persoal que sofre a Comunidade Autónoma galega, en especial a súa capital, Santiago de Compostela, que ten ante sí o reto de afrontar o Ano Santo de 2021 coa gran afluencia de persoas e coas demandas de seguridade que un evento desa natureza implica ao longo de todo un ano.

Por último, tamén se demanda do Ministerio do Interior a convocatoria con urxencia dun concurso específico de méritos, para dotar cun mínimo de 75 novos efectivos á Unidade do Corpo Nacional de Policía Adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia, de xeito que se lle permita seguir desempeñando con garantías as súas tarefas actuais.

Comentarios
Lo más