Martiño Noriega e Marta Lois visitan o "Fairway Fórum Camiño de Santiago"

Martiño Noriega e Marta Lois visitan o "Fairway Fórum Camiño de Santiago"
Martiño Noriega e Marta Lois visitan o "Fairway Fórum Camiño de Santiago"

Martiño Noriega e Marta Lois expresaron a súa satisfacción pola boa acollida desta terceira edición do Fairway, "na que se incrementou notablemente o numero de participantes e na que cobra relevancia o espazo de workshops"

O alcalde e a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo visitaron este luns a terceira edición do Fairway Fórum Camiño de Santiago, que se está a celebrar no Palacio de Congresos e Exposicións. Martiño Noriega e Marta Lois, acompañados polos codirectores do evento, puideron percorrer o máis dun cento de expositores que participan este ano na feira, un 20% máis que en 2018.

A III edición de Fairway Fórum Camiño de Santiago arrancou o domingo cunha xornada destinada ás familias. Onte e hoxe, o público do evento é máis profesional e a axenda do foro está máis centrada nos debates e nos coloquios. O alcalde e a concelleira de Turismo coñeceron os stands dos máis de medio cento de concellos, das deputacións provinciais e das trece cámaras municipais portuguesas que están presentes na feira. 

Tamén se achegaron aos expositores doutras comunidades autónomas, como Castela e León ou A Rioxa, e puideron conversar con algunhas das ducias de empresas presentes no Palacio de Congresos. Martiño Noriega tivo tamén ocasión de saudar os representantes da agrupación de Concellos da Ría de Muros-Noia, que mantiveron no Fairway unha reunión de traballo. Nesa xuntanza, na que Santiago estivo representado polo concelleiro Jorge Duarte, participaron alcaldes e concelleiros de Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son e Rois.

Martiño Noriega e Marta Lois expresaron a súa satisfacción pola boa acollida desta terceira edición do Fairway, "na que se incrementou notablemente o numero de participantes e na que cobra relevancia o espazo de workshops". O alcalde manifestou o seu convencemento de que este Foro do Camiño de Santiago "non deixará de medrar, porque está demostrando a súa capacidade para innovar e para atraer a todo tipo de institucións e empresas".

Despois da visita, Marta Lois participou na mesa de debate "Xacobeo 2021", xunto co deán da Catedral, Segundo Pérez; o director xeral de Patrimonio da Junta de Castilla y León, Enrique Sáinz; o director da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago, Ernesto Gómez; Manuel Mirás, representante da FEGAMP no Comité Organizador do Xacobeo 2021; Paulo Ramalho, concelleiro de Relacións Inetrnacionais de Maia; e Juan Guerreiro, vicepresidente da Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago. 

Comentarios