Anunciadas as mobilizacións da seguridade privada polos postos de traballo nas prisións

Anunciadas as mobilizacións da seguridade privada polos postos de traballo nas prisións
Anunciadas as mobilizacións da seguridade privada polos postos de traballo nas prisións

O Sindicato rexeita as declaracións realizadas recentemente polo secretario de Institucións Penitenciarias nas que apostaba pola supresión da seguridade privada na vixilancia exterior das cárceres de forma progresiva a medida que se vaian repoñendo efectivos en Policía e Garda Civil

A Federación de Servizos, Mobilidade e Consumo (FeSMC-UGT) anuncia mobilizacións o vindeiro día 28 de febreiro en defensa da continuidade dos postos de traballo da seguridade privada nas prisións. Concretamente, están convocadas concentracións na Coruña, fronte á Delegación do Goberno, a partir das 11:00 horas, e en Pontevedra, fronte á Subdelegación do Goberno, tamén ás 11:00 horas.

O Sindicato rexeita as declaracións realizadas recentemente polo secretario de Institucións Penitenciarias nas que apostaba pola supresión da seguridade privada na vixilancia exterior das cárceres de forma progresiva a medida que se vaian repoñendo efectivos en Policía e Garda Civil, entre outros aspectos. Para FeSMC, isto reabre un debate entre o público e o privado neste sector que xa estaba superado neste país e no propio marco europeo.

A complementariedade entre o público e o privado queda resolta no marco da seguridade no seu conxunto. Na actualidade, a seguridade privada en España xoga un papel complementario coa pública, a primeira exerce unha función na protección de instalacións recoñecidas de alto risco con garantías profesionais amplamente demostradas e, pola súa banda, a seguridade pública exerce o seu papel á hora de garantir a seguridade cidadá.

Ademais, é sobradamente coñecida a opinión do Ministerio do Interior que en reiteradas ocasións recoñeceu a valía e eficacia dos traballadores da seguridade privada nos centros penitenciarios. FeSMC rexeita que se xogue cos traballadores ao quita e pon dependendo da cor política do Goberno de turno.

Por todo isto, o Sindicato de Seguridade Privada e Servizos Auxiliares de FeSMC-UGT decidiu convocar mobilizacións pola defensa da continuidade dos postos de traballo de seguridade privada en prisións.

Comentarios