Demandan a apertura dun expediente á empresa encarga da limpeza e conserxería dos centros deportivos da cidade

Demandan a apertura dun expediente á empresa encarga da limpeza e conserxería dos centros deportivos da cidade
Foto: COAG
Demandan a apertura dun expediente á empresa encarga da limpeza e conserxería dos centros deportivos da cidade

O concelleiro socialista lembrou que xa comparecera en rolda de prensa para presentar un escrito dirixido ao goberno local solicitando unha serie de información relativa á prestación do servizo nos centros deportivos de Santiago por parte da empresa Lacera

O voceiro socialista, Paco Reyes, ofreceu onte unha rolda de prensa para reclamar ao grupo de goberno a apertura dun novo expediente a una empresa concesionaria dun servizo municipal. Neste caso, a solicitude refírese a Lacera, que se encarga da limpeza e conserxería dos centros deportivos, por presuntos incumprimentos graves do prego de condicións que rixen o contrato.

Ademais, Reyes aproveitou para presentar un rogo do seu grupo municipal, a través do que pide ao goberno local a instar á Xunta a reconsiderar a súa decisión de pechar o rexistro autonómico situado en Doutor Teixeiro e, así, o manteña aberto.

O concelleiro socialista lembrou que xa comparecera en rolda de prensa para presentar un escrito dirixido ao goberno local solicitando unha serie de información relativa á prestación do servizo nos centros deportivos de Santiago por parte da empresa Lacera. Pasado xa o prazo legal de seis meses, entendendo que a falla de resposta interprétase como silencio administrativo positivo -e polo tanto dá a razón ás queixas plantexadas-, e sumado á sentenza de 5 de febreiro de 2019 que declara nulo o despido dun dos traballadores que non foi subrogado por Lacera, Reyes considera que existen razóns "graves" e de peso para que o Concello abra expediente á empresa.

"Se non o fai, empezaremos a pensar que existe algún tipo de connivencia coas concesionarias", dixo o edil en relación coas numerosas solicitudes similares que existen por servizos como o de axuda a domicilio ou a xestión dos centros socioculturais. De feito, aproveitou a ocasión para preguntar pola apertura do expediente a Eulen -que presta a axuda a domicilio-, lembrando que a propia Concha Fernández asegurara que abriría expediente cando os traballadores presentasen denuncia ante a Inspección de Traballo. "Esa denuncia xa se produciu, e por iso queremos velo", apuntou o concelleiro socialista.

Ademais, informou da presentación por rexistro dunha denuncia sobre un suposto aforro de horas por parte de Lacera que se traduce nun aforro tamén de gasto -cifrado en 20.000 euros-, pero que o Concello estaría abonando igualmente. A este respecto, Reyes pediu información ao goberno municipal para coñecer se esta denuncia é certa.

REXISTRO DA XUNTA

Por outra banda, Paco Reyes anunciou a presentación dun rogo no pleno ordinario de febreiro instando ao goberno local a instar a Xunta a reconsiderar a súa decisión de pechar o rexistro da rúa Doutor Teixeiro.

Como destacou Reyes, a decisión non se sostén, posto que se trata dunha oficina que ten moita actividade, tanto da cidade en xeral como por parte de profesionais de diversos eidos e empresas.

Para o edil, ademais, esta decisión dista moito da máxima de achegar a administración á cidadanía, polo que entende que se debe manter aberto. En caso contrario, para rexistrar para a Xunta de Galicia haberá que ir a San Caetano ou a Correos. 

Comentarios