Presentan Prebencar e Smart Cardia como ferramentas en prevención e rehabilitación cardíaca

Presentan Prebencar e Smart Cardia como ferramentas en prevención e rehabilitación cardíaca
Presentan Prebencar e Smart Cardia como ferramentas en prevención e rehabilitación cardíaca

Para o seu desenvolvemento cóntase co asesoramento de especialistas en cardioloxía do CHUS

Esta mañá presentáronse no Hospital Clínico de Santiago os resultados do proxecto Prebencar, que vén de rematar, e os obxectivos do proxecto Smart Cardia, iniciado recentemente. Ambos os dous están dirixidos á promoción da Saúde cardiovascular e están impulsados por dous consorcios de empresas integrados por Balidea e Imagames no primeiro caso; e Balidea, SM Tecnología e Imagames no segundo. Así mesmo, contan coa Fundación Idis e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIUS) como centros tecnolóxicos asociados.

As dúas propostas nacen de necesidades asistenciais detectadas por profesionais sanitarios e céntranse no desenvolvemento de ferramentas TIC para o ámbito sanitario cunha dobre vontade: afondar no empoderamento dos pacientes, outorgándolles unha maior autonomía na xestión diaria da súa saúde cardiovascular; e na achega de terapias avanzadas, que impliquen unha atención personalizada e con técnicas de motivación para acadar unha maior adherencia á terapia. 

No caso de Prebencar, é un asesor virtual intelixente concibido para empregar como ferramenta de prevención; mentres que Smart Cardia propón unha plataforma para a xestión clínica do proceso de rehabilitación cardíaca no caso de pacientes que sufriran un infarto agudo de miocardio.

Interviñeron na presentación o doutor José Ramón González Juanatey, xefe de Servizo de Cardioloxía e UCC do CHUS, que valorou as amplas formas de aplicación destas ferramentas facendo balance da incidencia das enfermidades cardiovasculares; e o doutor Carlos Peña Gil, cardiólogo do Servizo de Cardioloxía e UCC do CHUS e IP de Prebencar e Smart Cardia, quen expuxo a súa utilidade no proceso de recuperación cardíaca e o empoderamento de pacientes. 

Pola súa parte, José Lorenzo Rodríguez Currais, CEO de Balidea, destacou as múltiples vantaxes que se poden extraer do emprego de solucións tecnolóxicas no ámbito sanitario. Apuntou tamén que deste xeito dáse resposta a un reto na sociedade actual, promovendo a cultura cardiosaudable a través dun cambio de rol das persoas. Pola súa parte, os encargados de presentar os resultados de Prebencar foron Ismael Menéndez e Javier López, responsables técnicos do proxecto en Balidea e Imagames, respectivamente.

Estes proxectos están cofinanciados pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, a través do programa Conecta PEME para o fomento da cooperación entre as pequenas e medianas empresas e os demais axentes do Sistema rexional de innovación, que conta con cofinanciación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).

UNHA FERRAMENTA DE PREVENCIÓN E BENESTAR CARDIOVASCULARES

O obxecto do proxecto é facilitarlle ao cidadán, aos profesionais sanitarios e aos servizos de saúde a promoción de actividades de prevención cardiovascular primaria a nivel poboacional, buscando un cambio nos costumes e hábitos sociais.

En 2018 finalizáronse os desenvolvementos do proxecto e realizouse a validación e avaliación de resultados, a partir da proba piloto realizada con usuarios reais (profesionais médicos e pacientes). Entre as súas principais funcionalidades a aplicación realiza unha serie de accións para garantir o cumprimento da terapia con técnicas motivadoras baseadas na gamificación, en función do comportamento da persoa usuaria.

Ademais, a ferramenta proporcionará información diferenciada se o perfil de acceso é o paciente, un familiar ou un profesional médico; e, en última instancia, contribuirá a optimizar os recursos sanitarios, pois permitirá que realice o seguimento e control do paciente persoal diverso, que non ten porque ser especialista nin implicar ir ao hospital, senón que permitiría facelo no centro de saúde polo médico de cabeceira ou mesmo polo persoal de enfermería.

XESTIÓN DO PROCESO DE REHABILITACIÓN CARDÍACA

A finalidade do proxecto Smart Cardia é desenvolver unha plataforma que lle facilite aos profesionais sanitarios a xestión do proceso de rehabilitación cardíaca, integrando compoñentes intelixentes e preditivos e interfaces gráficas usables. Ademais, facilitará a posta en marcha de programas de rehabilitación cardíaca, permitindo que, desde o primeiro día, os profesionais sanitarios traballen no marco dun proceso predicible, sen variabilidade e controlado, seguro e con indicadores de calidade.

Está pensado para cubrir as necesidades e expectativas dos profesionais sanitarios que interveñen no proceso de rehabilitación cardíaca, como cardiólogos, enfermería especializada, fisioterapeutas, médicos rehabilitadores, endocrinólogos, médicos de atención primaria e enfermería comunitaria.

O proxecto ten unha finalidade sanitaria, orientándose á saúde cardiovascular mediante o control dos factores de risco e a prevención, e unha finalidade social, ao pretender ser unha plataforma para o cambio de hábitos sociais, convertendo aos pacientes que sufriron un infarto en axentes activos.

O seu impacto final é mellorar o nivel de saúde cardiovascular dos pacientes que sufriron infarto agudo de miocardio e incrementar o número de pacientes beneficiados destes programas que demostraron diminuír a mortalidade a longo prazo, incidindo para iso na mellora do seu estado individual coa promoción de hábitos cardiosaudables, tales como a actividade física, a dieta saudable e a adherencia ao tratamento médico óptimo.

Comentarios
Lo más