Os alcaldes de Ordes, Frades e Mesía visitan o obradoiro de emprego Brañas do Illó-Río Samo

Os alcaldes de Ordes, Frades e Mesía visitan o obradoiro  de emprego Brañas do Illó-Río Samo
Os alcaldes de Ordes, Frades e Mesía visitan o obradoiro de emprego Brañas do Illó-Río Samo

Os tres rexedores tiveron ocasión para comprobar a realización dos traballos levados a cabo, ademais de manter un contacto directo co cadro de profesorado, persoal administrativo, corpo directivo e alumnado

Este luns os 20 alumnos e alumnas do obradoiro de emprego Brañas do Illó-Río Samo recibiron a visita dos alcaldes de Ordes, Frades e Mesía, José Luis Martínez Sanjurjo, Roberto Rey e Mariano Iglesias respectivamente.

Os tres rexedores tiveron ocasión para comprobar a realización dos traballos levados a cabo, ademais de manter un contacto directo co cadro de profesorado, persoal administrativo, corpo directivo e alumnado.

Iniciado o pasado mes de novembro e cunha duración de 9 meses, o obradoiro está cofinanciado polos tres municipios e a Consellería de Economía, Emprego e Industria. En concreto trabállase en base a dúas especialidades: repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, e actividades auxiliares en conservación e mellora de montes. Unha das vantaxes desta nova edición é a realización de prácticas en empresas durante outros tres meses como mínimo.

O orzamento ascende a preto de 339.200 euros, para o que a Consellería achega 288.800 euros. No referente ás achegas municipais no caso de Ordes ascende a 22.600 euros, mentres que Frades e Mesía é de 7.548 euros e 5.787 euros respectivamente.

TRABALLOS

Na zona de Ordes están previstas actuacións en: parcela municipal do parque empresarial de Merelle (núm. 85), parque Félix Rodríguez de la Fuente, rúa Nova, Campo da Feira, CEIP Castelao, CEIP Campomaior, área Adina-O Mesón do Vento, campo da festa de Parada, contorno capela de San Pedro-Adrán, contorno das Marchás-Vilamaior e campo de fútbol de Barbeiros.

En Frades traballarase en: leira do Carballal, campo de fútbol de Vitre, punto limpo, leiras Gasalla, Campoduro e Sanamil, praza de Ponte Carreira, área O Muíño de Céltigos e piscina de Papucín.

Por último en Mesía: Prazas Albixoi, Cumbraos, Rivas, Braña do Vilar, Visantoña, Boado, Mesía e Bascoi, área recreativa de Olas, zona polideportivo Xanceda, viveiro municipal e brañas de Valga.

O obradoiro de emprego Brañas do Illó-Río Samo recibe este nome ao ser este o punto exacto de confluencia dos lindes territoriais dos tres municipios englobados nesta iniciativa.

Comentarios
Lo más