Anpas de Galicia en contra da campaña de enxeñaría social educativa da Xunta

Foto de arquivo
Anpas de Galicia en contra da campaña de enxeñaría social educativa da Xunta

Indican que están en contra da campaña de enxeñaría social dirixida ao ensino infantil, primario e secundario que pretende dulcificar os terribles efectos dos desastres ambientais

A través dun comunicado de prensa, a Confederación ANPAS GALEGAS amosa a súa fonda preocupación porque o vindeiro 12 de febreiro, a Xunta de Galicia a Cámara Oficial Mineira de Galicia presenten publicamente un conxunto de materiais supostamente educativos destinados a nenas e nenos de infantil, primaria e secundaria - ademais da campaña de enxeñaría social “Minaría Sostible de Galicia” - que, entendemos, pretenden repartir ao alumnado galego destes niveis educativos.

A asociación lembra que esta campaña provocou o rexeitamento frontal dos colectivos integrados en ContraMINAcción, que veñen denunciando repetidamente como administracións e mineiras miran para outro lado diante o que este colectivo considera vulneracións legais das explotación, e que deixan un regueiro de contaminación e destrución polo país.

Afirman que semella que esta campaña pretende dulcificar os impactos ambientais da minaría tan coñecidos como o proxecto de Corcoesto, Touro, San Finx, ERIMSA ou Triacastela. Impactos que provocaron un lóxico rexeitamento social, e que a devandita campaña pretende combater.

A confederación ANPAS GALEGAS rexeita rotundamente que os sectores mais vulnerábeis da nosa sociedade, entre os cales se atopan as crianzas e adolescentes, teñan que aturar nos centros de ensino, ou en calquera actividade extraescolar, uns audiovisuais perniciosos destinadas a educación infantil, primaria e secundaria que semellan ocultar a grave contaminación, destrución da paisaxe e do patrimonio que denuncian colectivos integrados en ContraMINAcción.

Diante diso, a Confederación ANPAS GALEGAS solicita á Xunta de Galicia que recapacite e non faga uso dese material “didáctico” que terxiversa a realidade e ocultan os efectos destes terríbeis impactos ambientais.

Desde a Rede ContraMINAcción indican que non se pode falar de “Minaría sostible”, tendo en conta o actual estado das minas de Touro, San Finx, Monte Neme ou Santa Comba, por citar apenas algúns exemplos, onde a drenaxe ácida de mina ten impacto sobre os sistemas fluviais e marítimos. Existen actualmente investigacións en curso tanto no Parlamento Europeo como nas Nacións Unidas sobre os efectos destas explotacións mineiras e o papel ocultador da administración galega.

No caso de Monte Neme, baixo o nome de “lago de intenso azul” ou “hermosas aguas turquesas” ou “paraíso”, estanse a apoiar desde a Xunta de Galicia as “bondades” de balsas tóxicas de residuos mineiros, que acumulan gran cantidade de metais pesados e que son froito da minería extractiva e contaminante. Este non é o único exemplo, como ilustran moitos outras casos de degradación ambiental e paisaxística. Por citar algúns, véxanse os casos da Poza de Cartelle, en Ourense, afectada pola drenaxe aceda da minería; a Poza da canteira de Ventoxo, no municipio de Forcarei (Pontevedra); a Poza da canteira de Pedras Miúdas, en Catoira, afectada pola drenaxe aceda da minería; a Poza da canteira de Nantón, Cabana de Bergantiños (A Coruña), afectada pola drenaxe aceda da minería; a Balsa tóxica da minería no Monte Neme, en Carballo, acentuada polo drama de esta, que incluso foi obxecto de publicidade institucional por parte da Axencia de Turismo de Galicia.

Comentarios
Lo más