O Grupo de Teatro Sénior de Afundación inicia unha xira para presentar "Os vellos namorados"

O Grupo de Teatro Sénior de Afundación inicia unha xira para presentar "Os vellos namorados"

Comezará cunha función benéfica hoxe xoves 14 de febreiro no Auditorio ABANCA de Santiago de Compostela

O Grupo de Teatro Sénior de Afundación, a Obra Social de ABANCA, comeza unha xira para presentar Os vellos namorados, a súa versión de Os vellos non deben de namorarse de Castelao. A agrupación comezará a súa andaina hoxe xoves 14 de febreiro no Auditorio ABANCA de Santiago de Compostela (Preguntoiro, 23) cunha representación benéfica cuxa recadación será doada á Asociación ASOTRAME. 

A xira continuará o 22 de marzo cunha función no Teatro Principal de Ourense. A obra tamén se representará no marco do proxecto «Corrente Cultural» mediante o que ABANCA e Afundación amplían a súa oferta artística alén das súas sedes, trasladándoa ás localidades galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.

O GRUPO DE TEATRO SÉNIOR DE AFUNDACIÓN

O grupo de teatro do Espazo +60 Afundación da Coruña fórmase no ano 1984, cando un grupo de socios e socias afeccionados se reúnen e comezan a dar os seus primeiros pasos representando monólogos e obras curtas. Coa axuda do seu profesor e director, Víctor Díaz Barús, ese mesmo ano debutan cunha obra de Molière, e organizan o I Encontro de Grupos de Teatro.

Na actualidade está integrado por 21 actores e actrices de idades comprendidas entre os 60 e os 90 anos. Algúns dos seus compoñentes participaron en varias series de televisión, como Mareas Vivas, Libro de familia ou Serramoura, en películas como O lapis do carpinteiro e en diferentes anuncios publicitarios. Durante a súa traxectoria, o grupo recibiu numerosos premios en certames de teatro afeccionado, tanto no ámbito galego como nacional 

Comentarios
Lo más