O venres comeza o festival "Lost in Sound"

O venres comeza o festival "Lost in Sound"
O venres comeza o festival "Lost in Sound"

O ciclo 20 anos Lost in Sound vaise desenvolver os días 15 e 16 de febreiro

Xa só quedan dous días para que o Centro Galego de Arte Contemporánea rememore, da man do Concello, un dos seus proxectos máis icónicos: o festival Lost in Sound. Vinte anos despois, a música electrónica volverá ao CGAC na terceira edición do Compostela Conversa, organizado pola Concellaría de Acción Cultural.

O ciclo 20 anos Lost in Sound vaise desenvolver os días 15 e 16 de febreiro, vinte anos despois dunha exposición comisariada por Manuel Olveira que xuntou 40 artistas de toda Europa e que supuxo un xiro de perspectiva na relación entre os museos e o público. 

O programa servira para reflexionar sobre a crise da arte como xeradora de universos visuais, en beneficio da publicidade, a moda ou os videoclips, un debate que volve estar de actualidade a través de novas ferramentas como Youtube ou Instagram. No ciclo impulsado pola Concellaría de Acción Cultural participarán o propio Manuel Olveira e tamén algúns dos artistas que pasaron polo Lost in Sound hai dúas décadas.

ENTRADA DE BALDE

O programa 20 anos Lost in Sound combina a artistas internacionais do talle de Coucou Chloe, que ofrecerá no CGAC a súa segunda actuación en España, ou Virgen María, o proxecto musical da produtora, DJ e performer, María Forqué. Tamén participarán o dúo galego Lowlight, referentes tamén da música electrónica e pioneiros do trap; o proxecto Jus Kno’, nacido da colaboración do produtor Alex Aller e o artista visual Pablo Villanueva; os irmáns de Touro Yayo V e Eloi Vázquez co seu proxecto El cuerpo del disco , e un dos djs de referencia en Galicia, Víctor Flores. 

O programa complétase con Chiu Longina, un artista sonoro da Pobra de Trives, cofundador e membro do colectivo SINSAL Audio de Vigo; Montse Rego, unha lucense formada en artes visuais e deseño que se expresa a través da escultura, o vídeo e a fotografía; e Lola Dopico, ferrolá que imparte aulas nas áreas de arte, deseño e tecnoloxía, e que na actualidade dirixe a escola de moda ESDEMGA. 

Comentarios
Lo más