A fadista Cristina Branco cantará hoxe coa Real Filharmonía de Galicia

A fadista Cristina Branco cantará hoxe coa Real Filharmonía de Galicia
A fadista Cristina Branco cantará hoxe coa Real Filharmonía de Galicia

Estará acompañada por Mário Laginha ao piano e Miguel Amaral á guitarra portuguesa, baixo a batuta do mestre luso Pedro Neves

A Real Filharmonía de Galicia celebra esta semana dous concertos dedicados ao fado. O primeiro terá lugar hoxe xoves 14 en Santiago, no Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas, dentro da temporada de abono da orquestra. Ao día seguinte, o venres 15, tocará na Coruña, no Teatro Colón, tamén ás 20:30 horas. 

A batuta de ámbolos concertos levaraa o mestre luso Pedro Neves, Director Principal da Orquestra Clássica de Espinho, profesor na Universidade do Minho e un gran defensor de achegar a educación musical aos mozos e ás comunidades desfavorecidas.

O programa destes concertos, titulado “Cantigas de sal”, será unha homenaxe ao fado portugúes. A orquestra interpretará algunhas das pezas máis populares da música tradicional do país veciño, na voz da recoñecida fadista Cristina Branco. Están arranxadas na súa maioría polo afamado pianista portugués Mário Laginha, que tamén tocará no concerto, xunto á guitarra portuguesa de Miguel Amaral. Ambos os músicos son acompañantes habituais de Cristina Branco.

Os concertos arrancarán con dúas obras de Mário Laginha, Abertura 2011 y Camponês Alentejano. Logo interpretarase Estranha forma de vida do fadista Alfredo Duarte Marceneiro (1891-1982). A continuación soarán varias cancións populares portuguesas: Ó Laurinda. Linda, Linda, do Algarve; e Mirandum se fui a la guerra, de Miranda do Douro. O público tamén poderá escoitar Alfama do compositor portugués Alain Oulman (1928-1990); Se não chovesse tanto, meu amor do fadista Armando Machado (1899-1974); e Margarida de Mário Laginha.

Na segunda parte do concerto os asistentes poderán desfrutar con Sete pedaços de vento do músico e compositor Custódio Castelo (1966), Fado Blanc de José Pedro Blanc (1914-1959), Abandono de Alain Oulman, Quando julgas que me amas de Mário Laginha e A Minha Terra é Viana de Alain Oulman. Seguirán as cancións populares Rapazes, meninos, orixinaria da rexión portuguesa de Estremadura; e José Embala o Menino, procedente da la rexión lusa de Beira-Baixa. E, por último, soará o coñecido fado Maria Lisboa do compositor Alain Oulman.

CRISTINA BRANCO E O FADO

O fado cruzou a vida de Cristina Branco por unha feliz casualidade. Aínda que, en certo modo, foi ela, pola súa ousadía estética e unha interpretación moi particular, quen atravesou o fado como fenómeno musical de fondas raíces tradicionais. “Comezou como unha diversión, unha tarde de cancións entre amigos” -gústalle lembrar-. Coñecía algúns fados de oído, cantados polo seu avó materno. E cando o seu avó lle regalou polo seu 18 aniversario un disco da grande diva do fado, Amália Rodrigues, non sabía que lle ía cambiar a vida para sempre.

Cantante dos principais poetas portugueses (Camões, Pessoa, David Mourão Ferreira, José Afonso...) e algúns doutras partes do mundo (Paul Éluard, Léo Ferré, Alfonsina Storni ou Slauerhoff), Cristina Branco fixo do seu xeito de entender o fado unha especie de representación da poesía e da literatura do cancioneiro nacional.

Cristina Branco ten contribuído a unha sorprendente renovación do fado. Lanzou o disco “Menina” en 2016, que recibiu o Premio de Mellor Disco de 2016 pola Sociedade Portuguesa de Autores e valeulle á artista un nomeamento para os Globos de Ouro como Mellor Intérprete Individual. Este ano saíu á luz “Branco”, un disco amplamente recoñecido pola crítica.

Comentarios