Ames ten lista a programación para celebrar o nacemento de Rosalía de Castro

Ames ten lista a programación para celebrar o nacemento de Rosalía de Castro
Ames ten lista a programación para celebrar o nacemento de Rosalía de Castro

Organizadas pola Concellaría de Normalización Lingüística, as diferentes actividades programadas teñen como obxectivo principal difundir a obra e o pensamento rosaliano entre a veciñanza do concello

O Concello de Ames volverá render homenaxe a Rosalía de Castro polo aniversario do seu nacemento, desenvolvendo unha serie de iniciativas agrupadas na programación “Ames con Rosalía”. 

O propio 24 de febreiro, efeméride do nacemento da autora, realizarase unha gala poético-musical que contará con lecturas, dramatizacións, videocreacións e coa actuación de Rosa Cedrón. Para alén diso, a programación tamén engloba diferentes iniciativas como “Rosalía tamén vive aquí”, no ámbito educativo; “Rosalía tamén é nosa”, unha iniciativa que pretende encher as redes sociais de vídeos curtos con textos de ou para Rosalía, en boca da veciñanza de Ames ou de calquera outro lugar. 

“Viaxando con Rosalía”, unha excursión poética á casa de Rosalía coa escritora María López Sández, encargada de achegarnos a figura e a obra rosaliana nesta viaxe. Organizadas pola Concellaría de Normalización Lingüística, as diferentes actividades programadas teñen como obxectivo principal difundir a obra e o pensamento rosaliano entre a veciñanza do concello.

O nacemento de Rosalía de Castro será conmemorado en Ames cunha programación variada e participativa dirixida e deseñada para e coa veciñanza. A programación, que pretende difundir a figura de Rosalía, conta coa colaboración dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística dos centros de ensino municipais.

O obxectivo principal da programación é o de difundir a obra e o pensamento rosaliano, ao tempo que se pon en valor a lingua galega e se resalta a vixencia e a actualidade de Rosalía de Castro. Así mesmo, a programación busca resaltar o vínculo do Concello de Ames coa escritora e socializar entre a veciñanza a figura da autora.

Comentarios