Constituído o Consello Asesor do Parque Compostela Rupestre, que estrea imaxe corporativa

Constituído o Consello Asesor do Parque Compostela Rupestre, que estrea imaxe corporativa
Constituído o Consello Asesor do Parque Compostela Rupestre, que estrea imaxe corporativa

Constituiuse nunha reunión celebrada no Pazo de Raxoi na que estiveron representados os cinco concellos que participan do proxecto (Santiago, Ames, Brión, Teo e Val do Dubra) e máis a Deputación da Coruña

Onte quedou constituído o Consello Asesor do Parque Compostela Rupestre, nunha reunión celebrada no Pazo de Raxoi na que estiveron representados os cinco concellos que participan do proxecto (Santiago, Ames, Brión, Teo e Val do Dubra) e máis a Deputación da Coruña. Na xuntanza tamén se presentou a nova imaxe corporativa do parque.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, presidiu a reunión do Consello Directivo do Parque Compostela Rupestre, que acordou a designación do Consello Asesor do que formarán parte a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, un arquitecto da Deputación da Coruña, a arqueóloga do Concello de Santiago, o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC, a Universidade de Santiago, a través do seu departamento de Arqueoloxía; o colectivo A Rula, e os investigadores Raquel Casal e Manuel Santos Estévez.

Jorge Duarte explicou que coa xuntanza de onte "bota a andar o traballo deste comité científico para definir os pasos a dar polo Parque Compostela Rupestre, o máis urxente a licitación do Plan Director do parque". Ademais, o concelleiro explicou que "outros dos retos son a elaboración do proxecto museográfico e a posta en marcha do Centro de Interpretación da Arte Rupestre de Villestro". Ademais, o Consello Asesor constituído onte deberá asesorar sobre "como facer visitables e recoñecibles pola cidadanía os petróglifos máis importantes localizados nos cinco concellos, identificando cales son os mellores roteiros para facer un labor de divulgación entre a veciñanza". Duarte explicou que o obxectivo é que "estes primeiros proxectos estean en marcha ao longo do ano 2019".

Na reunión de onte tamén se presentou o novo logo do Parque Compostela Rupestre, que se inspira na imaxe asociada aos petróglifos e na representación gráfica máis característica da arte rupestre galaica: as combinacións circulares e os aneis concéntricos.

O proxecto Parque Compostela Rupestre está impulsado polos concellos de Santiago, Ames, Brión, Teo e Val do Dubra, e será financiado pola Deputación da Coruña cunha achega de medio millón de euros. 

Comentarios
Lo más