A Xunta reorganizará a sociedade da Xestión do Plan Xacobeo de cara o novo Ano Santo

A Xunta reorganizará a sociedade da Xestión do Plan Xacobeo de cara o novo Ano Santo
A Xunta reorganizará a sociedade da Xestión do Plan Xacobeo de cara o novo Ano Santo

A remodelación forma parte do amplo proceso de planificación impulsado nos últimos meses que busca sentar as bases da celebración do Ano Santo

Co obxectivo de seguir afondando na organización do Xacobeo 21, a Xunta de Galicia ten previsto a reorganización administrativa da estrutura da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. A remodelación forma parte do proceso de planificación impulsado nos últimos meses e que busca sentar as bases da celebración do Ano Santo, evento que o Goberno galego considera estratéxico para a Comunidade.

Estes reaxustes organizativos buscan a unificación e coordinación das distintas tarefas que a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo ten encomendadas e que, co gallo do Ano Santo, recibirán un novo impulso nos próximos meses. Así, adaptarase o seu funcionamento para incrementar a operatividade e responder aos desafíos que este acontecemento presenta.

Como parte desta renovación, procederase á reestruturación dos órganos directivos e funcións da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. Estes cambios suporán, entre outros aspectos, a reorientación da figura do director-xerente, cargo que desde 2014 viña desempeñando Rafael Sánchez. A Xunta de Galicia agradécelle o labor realizado ao longo deste período no fortalecemento do fenómeno da peregrinación e a cultura xacobea.

Dáse así un paso máis no novo marco institucional e administrativo do Xacobeo 21, no que se enmarcan a creación da comisión organizadora, coa presenza de diversos departamentos da Xunta e doutras institucións públicas, ademais da Igrexa; a constitución dun comisariado e a creación da Consellería de Cultura e Turismo, que está a configurar a súa estrutura de funcionamento desde unha perspectiva de funcionalidade e racionalidade administrativa.

A reestruturación levarase a cabo por acordo do Consello de Administración de Xestión do Plan Xacobeo, que ten previsto a súa convocatoria en próximas datas.

Comentarios