Crean unha comisión interdepartamental para a prevención do suicidio

Crean unha comisión interdepartamental para a prevención do suicidio
Crean unha comisión interdepartamental para a prevención do suicidio

O novo organismo será o encargado de avaliar os resultados das medidas que se porán en marcha en Galicia para reducir a taxa de suicidios, fomentar a prevención e a súa abordaxe integral

A Consellería de Sanidade creará a Comisión interdepartamental de coordinación para a prevención e atención das condutas suicidas en Galicia, prevista no Plan de Prevención do Suicidio de Galicia, co obxecto de garantir a coordinación en materia de prevención do suicidio entre os diferentes sectores implicados. A tal efecto, a Administración sanitaria regulará, a través dun decreto, a creación do devandito órgano colexiados, a súa composición, funcións e réxime de funcionamento. 

Con esta actuación, o departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña reafirma o seu compromiso en relación ao problema do suicidio como unha prioridade na axenda da atención á saúde mental, co obxectivo de dar unha resposta integral das institucións cara a súa prevención e conseguir que a mesma sexa unha prioridade multisectorial, integrando a todos os axentes implicados nesta estratexia.

A Consellería de Sanidade subliña que o problema da conduta suicida require para a súa correcta abordaxe a atención desde diversos ámbitos: sanitarios, sociais e educativos, entre outros. Polo que é necesaria unha correcta colaboración e coordinación entre as distintas institucións implicadas, de aí que unha das medidas que recolle o Plan de Prevención do Suicidio en Galicia no desenvolvemento das súas liñas estratéxicas, é, precisamente, a constitución dunha comisión interdepartamental que garanta a coordinación en materia de prevención da conduta suicida entre os diferentes sectores implicados.

A comisión interdepartamental estará composta por unha presidencia, que ostentará a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria; unha vicepresidencia, que ocupará a Subdirección Xeral de Planificación e Programación Asistencial, e unha secretaría, cargo que ocupará un funcionario do servizo de Saúde Mental e Drogodependencias.

Tamén contempla 12 vogalías que estarán ocupadas por representantes das consellerías de Xustiza, Educación e Política Social, da Dirección Xeral de Saúde Pública, do Imelga, do 061, de Feafes e unha representación multidisciplinar dos profesionais do Sergas.

O novo organismo terá entre a súas funcións, supervisar a implantación do Plan de Prevención do Suicidio en Galicia, valorar a información sobre os indicadores das medidas estratéxicas do plan, a revisión periódica dos protocolos e as accións de coordinación desenvolvidas.

Comentarios