O Concello investirá case 450.000 euros na mellora do campo da festa do Castiñeiriño

O Concello investirá case 450.000 euros na mellora do campo da festa do Castiñeiriño
Foto: Centro Sociocultural do Castiñeiriño
O Concello investirá case 450.000 euros na mellora do campo da festa do Castiñeiriño

A actuación pretende responder ás novas necesidades do barrio, xeradas polo seu crecemento residencial

A Xunta de Goberno aprobou o venres do proxecto de acondicionamento do campo da festa do Castiñeiriño, ao que se van destinar case 450.000 euros. A actuación pretende responder ás novas necesidades do barrio, xeradas polo seu crecemento residencial.

O proxecto aprobado o venres contempla a pavimentación o campo da festa, así como a instalación dun sistema de drenaxe para a canalización de pluviais, a instalación de alumeado e o acondicionamento de zonas axardinadas. Deste xeito, responderase ás reclamacións da veciñanza do barrio, que vén demandando dende hai anos un campo da festa ao que se lle puideran dar diversos usos comunitarios. A actuación prevista suporá un investimento de case 450.000 euros e terá un prazo de execución de cinco meses.

PROXECTOS DO POS+2019

A Xunta de Goberno tamén aprobou o venres a participación do Concello de Santiago no Plan Provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal, coñecido como POS+. O acordo explicita os fins aos que serán destinados os fondos achegados pola Deputación da Coruña, que superarán os 850.000 euros. 

Desa cantidade, algo máis de 80.000 euros serán para o financiamento de pago a provedores, algo máis de 90.000 euros ao financiamento de gasto corrente, e case 700.000 euros a diferentes investimentos. En concreto, o Concello prevé financiar co POS + 2019 o acondicionamento dunha senda peonil na rúa de San Martiño, unha nova fase da implantación da sinaléctica informativa no rural e a mellora e acondicionamento dos locais socioculturais da Grixoa e A Peregrina.

Ao tempo, a Xunta de Goberno acordou incluír no Plan Complementario do POS + 2019 o proxecto de reparación e consolidación da Ponte de Vidán de Abaixo, orzado en case 450.000 euros.

APARCAMENTO DA SIONLLA

Tamén se aprobou a redacción dun proxecto modificado do aparcadoiro provisional disuasorio da Sionlla, que responde á necesidade de incrementar en 20 centímetros a capa de zahorra artificial prevista na zona leste da parcela. O modificado suporá un incremento do 9,96% sobre o orzamento previsto para as obras, que foron adxudicadas á empresa Eulogio Viñal por un importe de case 290.000 euros máis IVE. A modificación do proxecto supón a paralización das obras só no ámbito do aparcadoiro no que é preciso aumentar o material para o firme. 

Comentarios