Comeza o prazo de inscrición para participar no programa de conciliación Primavera Lúdica

Comeza o prazo de inscrición para participar no programa de conciliación Primavera Lúdica
Comeza o prazo de inscrición para participar no programa de conciliación Primavera Lúdica

O servizo desenvolverase os días 15, 16, 17 e 22 de abril, coincidindo coas vacacións escolares de Semana Santa, durante os que se organizarán varias actividades educativas e culturais destinadas aos cativos e cativas da casa

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación e Cultura, abre hoxe o prazo de inscrición para participar no programa de conciliación laboral e familiar Primavera Lúdica. O servizo desenvolverase os días 15, 16, 17 e 22 de abril, coincidindo coas vacacións escolares de Semana Santa, durante os que se organizarán varias actividades educativas e culturais destinadas aos cativos e cativas da casa. A través desta iniciativa buscase facilitarlle aos pais e nais a conciliación da súa vida laboral e familiar durante as vacacións escolares. O prazo para presentar as solicitudes de inscrición remata o vindeiro 1 de marzo. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases dos programas lúdicos, o impreso de inscrición e os prezos do servizo.

O programa de conciliación Primavera Lúdica está dirixido ás familias, empadroadas e residentes no concello de Ames, que teñan nenas ou nenos escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil ou en Educación Primaria. Para inscribirse neste servizo, as familias deberán acreditar a súa necesidade de conciliación e estar ao día no pagamento dos servizos municipais ofertados. A Primavera Lúdica desenvolverase tanto no Milladoiro como en Bertamiráns, os días 15, 16, 17 e 22 de abril. Na primeira das localidades, as actividades realizaranse na Escola Infantil, na Casa da Cultura e no pavillón municipal. En Bertamiráns, as actividades levaranse a cabo nas instalacións do CEIP A Maía.

A Primavera lúdica permite que as familias inscriban ás crianzas en función das súas necesidades de conciliación, ofertando un servizo de almorzo, que comeza ás 7.30 horas, e outro de comidas, cuxas usuarias e usuarios deberán ser recollidos antes das 16.00 horas. O horario das actividades irá das 9.00h ás 14.30 horas. Desta maneira, as familias poderán combinar servizos e horarios segundo precisen. As monitoras e monitores coidarán das cativas e cativos en todo o momento. Aquelas nenas ou nenos con necesidades especiais contarán coa atención individualizada dun monitora ou monitor durante todo o programa.

Tramitación das inscricións

Os documentos necesarios para realizar a inscrición na Primavera Lúdica estarán dispoñibles tanto na páxina web municipal, como no departamento de Educación no Pazo da Peregrina de Bertamiráns e na Oficina Municipal do Milladoiro. No momento de solicitar praza, as familias deberán entregar a ficha, os impresos e autorizacións debidamente cubertos, o mandato SEPA, unha fotocopia compulsada do DNI da persoa titular da conta, outra do libro de familia, así como a documentación que acredite a necesidade dos responsables do núcleo familiar de participar neste servizo municipal.

A documentación poderá ser entregada ben no Rexistro Xeral do Concello, ben na oficina de Educación do Pazo da Peregrina ou na Oficina Municipal do Milladoiro. O horario de apertura destas dependencias é de 09.00h a 14.00 horas, de luns a venres. O prazo para presentar os documentos remata o vindeiro 1 de marzo.

Unha vez pechado o prazo de inscrición, publicaranse as listaxes das nenas e nenos admitidos, así como as listas de agarda. A partir dese momento, abrirase un prazo de dez días naturais para presentar reclamación. No caso de que as inscricións presentadas excedan as prazas dispoñibles procederase á realización dun sorteo. O pagamento do¡ servizo, cuxo custo está especificado nas bases do programa, poderase realizar a través dunha transferencia bancaria. Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal do departamento de Educación municipal.

A Primavera Lúdica fai parte da ampla oferta de programas de conciliación que o Concello de Ames pon en marcha ao longo do ano e que coinciden coas vacacións escolares de Nadal, Entroido, Semana Santa e Verán.

Comentarios