A proba nocturna SantYaGo10K formará parte un ano máis do II Circuíto de Carreiras "Cidades Patrimonio da Humanidade"

A proba nocturna SantYaGo10K formará parte un ano máis do II Circuíto de Carreiras "Cidades Patrimonio da Humanidade"
A proba nocturna SantYaGo10K formará parte un ano máis do II Circuíto de Carreiras "Cidades Patrimonio da Humanidade"

O obxectivo principal deste Circuíto é dar a coñecer as 15 Cidades Patrimonio da Humanidade a través das carreiras populares

Onte presentouse en Mérida o II Circuíto de Carreiras "Cidades Patrimonio da Humanidade", actividade que organiza o Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España en colaboración con EDP e Paradores, e na que participan as 15 cidades españolas inscritas na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO. Por segundo ano a carreira nocturna SantYaGo10K, prevista para o 4 de maio, formará parte deste Circuíto.

O obxectivo principal deste Circuíto é dar a coñecer as 15 Cidades Patrimonio da Humanidade a través das carreiras populares e, á súa vez, fomentar a actividade física e deportiva, propiciando a ocupación do tempo de lecer nunha das prácticas deportivas máis comúns e fáciles de levar a cabo, como é a carreira a pé. As probas que integran o II Circuíto de Carreiras "Cidades Patrimonio da Humanidade" terán lugar ao longo de 2019 nas 15 Cidades que integran o Grupo e transcorrerán total ou parcialmente na zona patrimonial de cada cidade. Na primeira edición, participaron 22.875 persoas (18.489 homes e 4.386 mulleres), de oito nacionalidades diferentes e procedentes de 38 provincias, é dicir, do 85% das cidades de España. A idade media dos participantes nas carreiras foi de 41 anos.

O II Circuíto de Carreiras "Cidades Patrimonio da Humanidade" desenvolverase dende o 10 de marzo, día en que arrinca en Mérida o Medio Maratón "Mérida Patrimonio da Humanidade", ata o 7 decembro de 2019, data na que a Cursa Popular "Eivissa Patrimoni de la Humanitat" pechará a serie de probas. As carreiras cobren distancias que oscilan entre o 10 km e o medio maratón, e das 15 que integran o Circuíto será necesario finalizar polo menos catro delas para optar á clasificación final. Cada unha das 15 carreiras que integran o Circuíto será organizada por diferentes empresas, clubs ou concellos, sendo estas entidades as responsables da súa organización e de levar a cabo todas as actuacións para o normal desenvolvemento das mesmas.

Inscricións

Poderán tomar parte no II Circuíto de Carreiras Cidades Patrimonio da Humanidade todas as persoas que teñan cumpridos 18 anos o mesmo día de comezo da primeira das probas que compoñen o circuíto, sendo obrigatorio a inscrición dos corredores a través do formulario online aloxado na páxina web do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España: www.ciudadespatrimonio.org. A inscrición a este Circuíto non supón a inscrición automática nas diferentes carreiras que compoñen o circuíto, senón que cada participante deberase inscribir de forma individual naquelas nas que desexe participar de acordo ás condicións e prazos establecidos para iso por cada unha das entidades organizadoras das mesmas.

Premios

Establécense dúas categorías: categoría absoluta masculina e feminina, e a puntuación final será o resultado da suma das puntuacións obtidas en todas as probas en que participase a persoa inscrita, de acordo ao Regulamento, a condición de que se acredite finalizar un mínimo de 4 carreiras.

Ademais dos premios que cada deportista obteña en cada unha das carreiras en que compita, definidos polos organizadores, os participantes no II Circuíto de Carreiras "Cidades Patrimonio da Humanidade" poderán obter os seguintes premios outorgados por EDP e Paradores, tanto na categoría absoluta masculina como na feminina: primeiro/a clasificado/a, premio en metálico de 1.000 euros, premio EDP consistente nun ano de electricidade renovable gratuíta, e premio Paradores, que será de dúas noites de aloxamento en media pensión nun Parador; segundo/a clasificado/a, premio Paradores, consistente en dúas noites de estancia en aloxamento e almorzo nun Parador; e terceiro/a clasificado/a, premio Paradores dunha noite de estancia en aloxamento e almorzo nun Parador.

Ademais, aos 100 corredores mellor clasificados que finalicen un mínimo de catro carreiras das que compoñen o II Circuíto de Carreiras "Cidades Patrimonio da Humanidade" entregaráselles un premio especial, consistente nunha bolsa mochila con material informativo sobre as 15 Cidades Patrimonio da Humanidade.

Os resultados provisionais e definitivos, así como calquera información de interese sobre o II Circuíto de Carreiras "Cidades Patrimonio da Humanidade" e das probas que o compoñen, faranse públicos na páxina web: www.ciudadespatrimonio.org. 

Comentarios