Expertos médicos salientan que a balneoterapia ten vantaxes sobre outro tipo de tratamentos para abordar doenzas do aparato locomotor

Expertos médicos salientan que a balneoterapia ten vantaxes sobre outro tipo de tratamentos para abordar doenzas do aparato locomotor
Expertos médicos salientan que a balneoterapia ten vantaxes sobre outro tipo de tratamentos para abordar doenzas do aparato locomotor

O ciclo “A saúde é o que importa” reunirá mañá xoves a especialistas do eido da reumatoloxía, a traumatoloxía e a rehabilitación, que explicarán os beneficios da balneoterapia

A Cátedra de Hidroloxía Médica Universidade de Santiago-Balnearios de Galicia promove o ciclo “A saúde é o que importa”. Está destinado a difundir entre a sociedade o valor terapéutico das augas mineromedicinais, en colaboración coa Fundación Araguaney.

Hoxe xoves, 21 de febreiro, celebrarase a primeira sesión deste ciclo. Terá lugar en Santiago, no Hotel Araguaney (salón Olivo), a partir das 19:30 horas, con entrada libre ata completar aforo. Comezará cunha mesa redonda na que se abordarán os beneficios da balneoterapia nas patoloxías vencelladas ao aparato locomotor. Estará moderada polo director da Cátedra, o doutor Juan Gestal. Nela intervirán os doutores José Ramón Caeiro Rey, xefe do Servizo de Traumatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS); Antonio Mera Varela, xefe do Servizo de Reumatoloxía do CHUS; e Jesús Figueroa Rodríguez, xefe do Servizo de Rehabilitación do CHUS. Estes expertos manterán ademais un coloquio sobre este tema co público asistente.

A balneoterapia resulta moi efectiva en doenzas dexenerativas como as artroses

O doutor José Ramón Caeiro, xefe do Servizo de Traumatoloxía do CHUS, sinala que “a balneoterapia pode ser un tratamento coadxunvante en calquera proceso de tipo médico ou cirúrxico vencellado ao aparato locomotor, en especial no relativo ás enfermidades dexenerativas como a artrose de cadeira, de nocello ou lumbar”. Nesta liña, salienta que “os exercicios en augas mineromedicinais teñen vantaxes sobre outro tipo de tratamentos médicos”. “Recomendámosllo a todos os pacientes nos que sexa indicado para contruibuír á súa recuperación funcional” -asegura-.

Ademais, o doutor pon de manifesto que “a balneoterapia permite poñer en valor un recurso do que Galicia posúe unha gran riqueza, ao tempo que axuda a mellorar a saúde da poboación, en particular nos casos de patoloxías dexenerativas”.

No caso das enfermidades reumatolóxicas, os expertos resaltan o efecto descontracturante e relaxante das augas

Pola súa parte, o doutor Antonio Mera Varela, xefe do Servizo de Reumatoloxía do CHUS, indica que “a balneoterapia diminúe a rixidez nas articulacións inflamadas, ao tempo que contribúe a mellorar a circulación na proximidade das articulacións inflamadas no caso da artrite asociada a doenzas vasculares”.

O doutor afirma que en pacientes con lumbalxias ou osteoporose as augas mineromedicinais exercen un efecto masaxe que pode mellorar a contractura e a dor que acompaña a estes procesos. “Os chorros de auga actúan como descontracturantes e relaxantes musculares. Así, recomendamos a balneoterapia sobre todo en pacientes que realizan traballos manuais de forma persistente” -indica-.

O valor da balneoterapia nos procesos de rehabilitación

O doutor Jesús Figueroa Rodríguez, xefe do Servizo de Rehabilitación do CHUS, sinala que “no ámbito da rehabilitación de pacientes, a balneoterapia xoga un papel moi relevante dende o punto de vista das propiedades físicas das augas mineromedicinais, que se complementan ademais coas súas propiedades químicas”.

E destaca que “tanto no relativo ás enfermidades do aparato locomotor como ás neurolóxicas, empregamos en xeral moito a auga como medida terapéutica, sobre todo nas fases que non son moi agudas, posto que nestes pacientes diminúe a percepción da dor e, en consecuencia, tamén se reduce o consumo de fármacos, ao tempo que mellora a súa mobilidade. Calquera paciente con patoloxía do aparato locomotor, moitos deles crónicos como as artroses, agás que padeza unha fase aguda inflamatoria, pode beneficiarse da cura termal”.

O experto asegura que “en moitas ocasións a rehabilitación no medio acuático é fundamental. Por exemplo, no caso de pacientes que sufriron unha fractura, posto que na auga non se fai carga completa”.

Estrea do documental “A balneoterapia na patoloxía músculo-esquelética”

 No transcurso desta xornada proxectarase o documental “A balneoterapia na patoloxía músculo-esquelética”, realizado no marco da Cátedra de Hidroloxía Médica co propósito de divulgar os beneficios dos tratamentos termais de xeito didáctico. Este vídeo estreouse na derradeira edición da Feira Termatalia, que se celebrou o pasado mes de setembro en Brasil, e agora preséntase por primeira vez na nosa comunidade.

Comentarios