O Concello de Brión abre a inscrición no seu Concurso de Disfraces, que repartirá 2.750 € en premios e terá lugar o domingo 10 de marzo

O Concello de Brión abre a inscrición no seu Concurso de Disfraces, que repartirá 2.750 € en premios e terá lugar o domingo 10 de marzo
O Concello de Brión abre a inscrición no seu Concurso de Disfraces, que repartirá 2.750 € en premios e terá lugar o domingo 10 de marzo

As inscricións estarán abertas na Casa da Cultura (981 509 908) ata o 7 de marzo. Non se admitirán inscricións o mesmo día do concurso

O Concello de Brión abriu hoxe luns a inscrición no seu Concurso de Disfraces de Entroido, que repartirá 2.750 euros en premios e terá lugar o domingo 10 de marzo, poñendo así o punto e final ás celebracións de Entroido na comarca compostelá. O prazo de anotación está aberto ata o 7 de marzo ben en persoa (na Casa da Cultura de Brión), ben no teléfono 981 50 99 08, de luns a venres en horario de 9:00 a 15:00 horas.

Todos os participantes no concurso terán a obriga de participar no desfile de Entroido que, se o tempo o permite, sairá o domingo 10 de marzo, ás 16:30 horas, da Carballeira de Santa Minia e percorrerá as rúas de Pedrouzos ata o Pavillón Polideportivo Municipal, onde terá lugar o concurso e unha gran festa de disfraces. Os participantes estarán acompañados pola música da charanga Os Celtas. Unha vez finalizado o concurso, a orquestra Gran parada amenizará a Festa de Entroido, que se prolongará ata ben entrado o serán.

Os dorsais poderán recollerse entre as 15:00 e as 16:30 horas na Carballeira de Santa Minia. Se o tempo acompaña, todos os participantes sairán en desfile. Se chovera, os participantes concentraranse directamente no polideportivo.

Categorías

As bases do concurso, que se poden consultar na web municipal ( www.concellodebrion.gal ), establecen cinco categorías que se repartirán 2.750 euros en premios. Na Categoría Infantil (menores de 11 anos) e na Categoría Xuvenil (de 12 a 17 anos) entregaranse tres vales canxeables por libros, xogos ou material escolar. Na Categoría de Adultos (maiores de 18 anos) haberá dúas modalidades: individual, con tres premios de 100, 70 e 40 euros; e parellas, con premios de 140, 100 e 60 euros.

Na Categoría de Grupos (de 3 a 9 persoas) haberá dúas modalidades: infantil/xuvenil, con tres premios de 140, 100 e 70 euros; e adultos, con tres premios de 180, 140 e 100 euros. Finalmente, na Categoría de Comparsas (10 ou máis persoas) concederanse cinco galardóns de 260, 225, 175, 150 e 100 euros.

O xurado valorará a orixinalidade, a calidade do traballo dos disfraces e dos complementos, así como o lucimento do traxe sobre o escenario do pavillón polideportivo, onde os concursantes terán un tempo de 3 minutos (individuais ou parellas), 5 minutos (grupos) e 8 minutos (comparsas) para facer as súas presentacións.

Comentarios