O BNG quere promover o transporte público no verán en Ribeira

O BNG quere promover o transporte público no verán en Ribeira
O BNG quere promover o transporte público no verán en Ribeira

Pérez Barral: “as medidas que propón o BNG son positivas, un exemplo é a rebaixa do prezo do autobús”

Ribeira é un concello privilexiado, pois dispón no seu territorio de areais dunha beleza inigualábel. Non sorprende, así, que moitas delas sexan frecuentadas, especialmente na época estival, tanto por veciñas e veciños do noso concello como por numerosos visitantes.

O elevado número de usuarios nas nosas praias xuntouse coas medidas proteccionistas aplicadas nos últimos anos por parte das autoridades competentes, relativas á circulación e estacionamento de vehículos de motor nas inmediacións dos areais, para crear un problema á hora de acceder a estes espazos tan emblemáticos ademais do prexuízo ambiental que iso ocasiona.

“Falamos especialmente da masificación de vehículos que se dá, por exemplo, nas praias do Vilar e A Ladeira, nas que estacionar un vehículo é misión imposíbel” abocando á ocupación de espazos non habilitados segundo informaron o concelleiro Luís Pérez Barral e o vice-responsábel local Vicente Paz. Os nacionalistas comentaron que poden verse numerosos coches aparcados en beirarrúase beiravías xerando problemas de circulación e seguridade viaria sendo salientábel o caso da estrada CP-7302 ao seu paso pola praia do Vilar.

As propostas do BNG, positivas para a veciñanza

Desde o BNG salientan que van seguir traballando en temas de mobilidade e proporán que, nos meses de verán promova o uso do transporte público para que veciñanza e visitantes que chegan a Ribeira empreguen o autobús para acudir aos areais.

Pérez Barral comentou que “as propostas do Bloque traen beneficio social e así o demostra a rebaixa no prezo do autobús”, proposta que partiu do BNG tras defendela durante anos. Barral argumenta que o BNG segue traballando en medidas que beneficien socialmente ás veciñas e veciños de Ribeira por iso, no vindeira sesión plenaria defenderán que o Concello de Ribeira, realice un estudo para mellorar en frecuencia e ruta as liñas de autobús que pasan polas praias (Aguiño, Corrubedo, Palmeira), e para crear unha liña que vaia ata a praia do Vilar, especialmente nas fins de semana e en días festivos. Ademais o Bloque pedirá mellorar a información sobre frecuencias e horarios nas paradas de todas as parroquias e centro urbano.

Comentarios