O Concello de Brión adhírese ao convenio para a xestión das emerxencias, que prolongará o GES Brión ata finais de 2021

O Concello de Brión adhírese ao convenio para a xestión das emerxencias, que prolongará o GES Brión ata finais de 2021
O Concello de Brión adhírese ao convenio para a xestión das emerxencias, que prolongará o GES Brión ata finais de 2021

Unanimidade na aprobación dos cambios indicados pola Xunta no convenio do persoal laboral e o acordo regulador do persoal funcionario

A unanimidade foi o eixo común da sesión plenaria ordinaria do mes de marzo, pois todos os asuntos da orde do día foron aprobados co apoio dos tres grupos políticos PSOE, PP e BNG, así como polo concelleiro non adscrito. Así, o pleno ratificou a adhesión do Concello de Brión ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e as Deputacións Provinciais en materia de emerxencias e prevención e defensa contra lumes forestais, que permitirá o desenvolvemento do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Brión.

O alcalde de Brión, José Luís García, explica que “deste modo mantemos un servizo público que vén facendo un importante traballo a prol do benestar da nosa veciñanza dende 2013 e garantimos a súa continuidade ata o 31 de decembro de 2021, ademais de prorrogar por ese tempo os contratos dos profesionais que prestan este servizo”.

Así mesmo, o Pleno aprobou as adecuacións realizadas nos textos do convenio colectivo do persoal laboral e no acordo regulador das condicións de emprego do persoal funcionario ao servizo do Concello de Brión, tras a súa presentación á Consellería de Emprego. “Viñeron correccións ao documento acordado na Mesa de Negociación pero trasladámosllas e o pasado 31 de xaneiro se aprobaron. Por iso, agradecemos que o persoal laboral, o funcionariado e os sindicatos o aprobaran por unanimidade”, apuntou José Luís García.

Finalmente, o pleno aprobou dous recoñecementos extraordinarios de crédito, de 4.984,45 e 99.036,34 euros, destinado a abonar facturas por servizos prestados. O primeiro deles, de 4.984,45, correspóndese cunhas facturas de subministro eléctrico en Fonteparedes, Vilariño e Coruxido correspondentes ao ano 2016 pero que non se presentaron ata o 13 de decembro de 2018. O segundo correspóndese con facturas de subministro de enerxía eléctrica e prestación de servizos correspondentes ao mes de decembro de 2018.

Escola infantil

Tras dar conta do cumprimento dos principios de estabilidade e regra de gasto, así como dun período medio de pago de 0,85, o pleno aprobou unha moción de urxencia para modificar a ordenanza fiscal da escola infantil municipal, que se actualizará nun 2,3% de acordo ao IPC de xuño.

Comentarios
Lo más