"A longa (e divertida) noite do TFG" en Filoloxía

"A longa (e divertida) noite do TFG" en Filoloxía
Foto de arquivo
"A longa (e divertida) noite do TFG" en Filoloxía

Trátase dunha acción didáctica que proporcionará claves, apoio e seguridade tanto na elaboración e escritura do traballo como na posterior presentación perante un tribunal avaliador

A Facultade de Filoloxía celebrará o vindeiro luns 25 a Longa noite do TFG, unha acción didáctica que proporcionará claves, apoio e seguridade tanto na elaboración e escritura do traballo como na posterior presentación perante un tribunal avaliador. A xornada está aberta tamén a alumnado que prepara o seu Traballo de Fin de Máster ou a tese de doutoramento.

A Longa noite do TFG é sobre todo unha acción didáctica distinta, porque tamén distintas son as necesidades do estudantado que redacta este tipo de traballos académicos, que se atopa con abundantes dúbidas, incertezas e estrés. É por iso que de 19.00 a 1.00 horas da madrugada, e con bufete vespertino incluído, se alternarán obradoiros de carácter transversal (sobre material gráfico, xestión de bibliografía, como empezar e como rematar etc.) con outros máis específicos dirixidos a cada unha das cinco titulacións de grao que se imparten na Facultade de Filoloxía.

O programa inclúe ademais un espazo aberto e interactivo de escritura, sesións de ioga e meditación así como obradoiros teatrais nos que se traballarán aspectos vocais e escenográficos de utilidade para os actos de defensa dos traballos. A ‘longa noite’ complétase con talleres de asesoramento lingüístico non só en galego e español, senón tamén en todas as outras linguas en que se redactan e defenden os TFG na Facultade de Filoloxía -alemán, francés, inglés, italiano e portugués-, para o que se contará coa participación do profesorado lector dos distintos departamentos.

Se ben é a primeira vez que na USC se celebra unha xornada destas características, actividades semellantes organízanse con frecuencia nas universidades alemás. Non é estraño, pois, que a iniciativa da Longa noite do TFG parta do lectorado de alemán, co apoio do Servizo Alemán de Intercambio Académico e coa participación na organización da Facultade de Filoloxía.

Comentarios
Lo más