O Concello de Padrón celebra hoxe unha decea de actividades no marco da "II Gala Rosaliana"

O Concello de Padrón celebra hoxe unha decea de actividades no marco da "II Gala Rosaliana"
Foto de arquivo
O Concello de Padrón celebra hoxe unha decea de actividades no marco da "II Gala Rosaliana"

Os actos institucionais arrancarán ás 12.00 horas cunha ofrenda floral diante da estatua de Rosalía de Castro no Paseo do Espolón

A Concellaría de Cultura de Padrón celebrará hoxe a segunda edición da "Gala Rosaliana", que incluirá unha decea de actividades culturais e musicais ao longo da xornada para conmemorar a efeméride do 182o aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, que terá lugar o vindeiro domingo.

O Paseo do Espolón acollerá ás 12.00 horas unha ofrenda floral diante da estatua de Rosalía e unha actuación da Asociación Cultural Rosalía de Castro. De seguido, a comitiva encabezada polo alcalde, Antonio Fernández Angueira, e a concelleira de Cultura, Lorena Couso, desprazarase ao Auditorio Municipal, onde están previstos recitais poéticos, música e proxeccións a cargo do alumnado do IES Camilo José Cela, do IES Macías O Namorado, do CEIP Flavia e do CEIP Rosalía de Castro. Ademais, actuarán as pandereteiras da Asociación Cultural Rosalía de Castro e ofrecerán tamén unha interpretación musical Ana Fernández e Cristian Silva.

Xa no serán, ás 20.00 horas, o Auditorio Municipal acollerá a presentación do libro de poesía "Onde dá a volta o aire", de Milagros Pérez Villanueva, gañadora do IV Certame Poético Rosalía de Castro, que convoca o Concello de Padrón. Xunto cunha interpretación poética da autora, tamén está previsto o visionado do vídeo "Caldo de gloria", gravado en Padrón coa colaboración de mulleres das distintas parroquias de concello. Finalmente, actuará a Coral Polifónica Padronesa e ofrecerán un concerto lírico a soprano Beatriz Vázquez Lorenzo e a pianista María Forteza Gil.

Comentarios