O Consello da Xunta autoriza a prórroga do Plan de Transporte Metropolitano de Santiago durante o ano 2020, cun investimento de preto de 1,4 millóns de euros

O Consello da Xunta autoriza a prórroga do Plan de Transporte Metropolitano de Santiago durante o ano 2020, cun investimento de preto de 1,4 millóns de euros
Foto de arquivo
O Consello da Xunta autoriza a prórroga do Plan de Transporte Metropolitano de Santiago durante o ano 2020, cun investimento de preto de 1,4 millóns de euros

A achega do Goberno galego destínase a financiar o 80% dos descontos que se aplican nos billetes interurbanos e a financiar o 100% do custo dos transbordos co autobús urbano, que son gratuítos

O Consello da Xunta de Galicia autorizou na súa reunión onte a prórroga do convenio de colaboración para o desenvolvemento conxunto do Plan de transporte metropolitano de Galicia na área de Santiago para o ano 2020, cun investimento de preto de 1,4 M€.

Segundo este acordo, o Goberno galego financia o 80% dos descontos que se aplican nos billetes interurbanos, cunha achega de máis de 1,1M€, e os concellos achegan o 20% restante da bonificación nas viaxes interurbanas, uns 243.000.

Grazas a este acordo do Executivo autonómico, garántese a continuidade dun plan que supón importantes aforros económicos para os usuarios e segue a senda do fomento do transporte público na área de Santiago, que no pasado exercicio rexistrou case 3 millóns de viaxes en autobús, a través dun sistema de billete único e da coordinación entre o transporte interurbano e o autobús urbano.

A través do Plan de transporte metropolitano, a Xunta tamén financia o 15% de desconto adicional que se aplica aos usuarios recorrentes e a membros de familias numerosas, neste caso de entre o 20% e o 50% en función da categoría.

Desa forma, os usuarios da Tarxeta de transporte metropolitano teñen acceso a aforros anuais de ata os 900 euros nos desprazamentos cotiáns.

O Plan de transporte metropolitano de Galicia está a funcionar actualmente en cinco áreas de Galicia (A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo e Vigo) con 65 concellos incorporados, permitiu subvencionar o ano pasado case 15 millóns de viaxes, que supón un incremento do 4,5% con respecto ao ano anterior.

A Área de Transporte Metropolitano de Santiago está integrada por un total de 18 concellos: A Baña, A Estrada, Ames, Boqueixón, Brión, Negreira, O Pino, Ordes, Oroso, Padrón, Rois, Santiago de Compostela, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces.

Tarxeta Xente Nova

Actualmente en Galicia, case 49.500 mozos menores de 19 anos viaxan gratis grazas á Tarxeta Xente Nova, implantada en agosto do 2016 e que bonifica as súas viaxes no transporte metropolitano no 100% do seu custo, unha medida que contribúe a incrementar os aforros dos galegos onde está implantado o transporte metropolitano. En concreto, na área de transporte metropolitana de Santiago distribuíronse desde o seu inicio máis de 8.600 dispositivos.

O obxectivo da iniciativa do Goberno galego é facilitar o acceso da mocidade aos servizos básicos como a sanidade ou a educación, fomentando o emprego do transporte público, formando as novas xeracións no seu uso, ao tempo que se axuda de forma substancial ás economías familiares.

Plan de transporte público de Galicia

O Goberno galego está a traballar actualmente na reordenación de todas as liñas de autobús de Galicia co obxectivo de ofrecerlles aos cidadáns uns sistema de transporte público máis útil e atractivo.

Así, no marco do Plan de transporte público de Galicia, de forma progresiva, desenvolverase a posta en marcha dunha área única de transporte que estenda os beneficios do Plan de transporte metropolitano a todas as liñas interurbanas de Galicia. Esta iniciativa levará grandes vantaxes sociais a todo o territorio, especialmente ao rural, onde a poboación se poderá beneficiar de importantes medidas sociais.

Así, o uso da tarxeta TMG para o pagamento do billete suporá un desconto do 10% con respecto ás tarifas xerais xa desde o primeiro día, con bonificacións extra por recorrencia, e todos os menores de 19 anos poderán empregar a Tarxeta Xente Nova para viaxar de balde.


Comentarios
Lo más