A Real Filharmonía de Galicia ofrece hoxe un concerto para nenos e familias que servirá para apoiar á Asociación Galega contra o Maltrato a Menores

A Real Filharmonía de Galicia ofrece hoxe un concerto para nenos e familias que servirá para apoiar á Asociación Galega contra o Maltrato a Menores
A Real Filharmonía de Galicia ofrece hoxe un concerto para nenos e familias que servirá para apoiar á Asociación Galega contra o Maltrato a Menores

As entradas custan 5 euros e cada menor de 14 anos recibirá dúas gratuítas se vai acompañado de dous adultos

A Real Filharmonía de Galicia celebra hoxe un novo concerto dentro do proxecto RFG Solidaria, centrado na colaboración con varias ONGs galegas e da cidade que loitan por diferentes causas. Este concerto familiar estará dedicado a visibilizar o traballo que desenvolve AGAMME, a Asociación Galega contra o Maltrato a Menores.

A cita, que forma parte do ciclo Descubre unha orquestra para ti, a túa!, comezará ás 18:30 horas no Auditorio de Galicia. Este ciclo busca achegar a RFG e a música clásica a novos públicos. As entradas custan 5 euros e cada menor de 14 anos recibirá dúas gratuítas se vai acompañado de dous adultos.

A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores

A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores traballa na protección da infancia e a adolescencia na sociedade galega, así como na defensa dos seus dereitos. Busca acadar un sistema máis efectivo para a detección, notificación, avaliación e tratamento do maltrato infantil en Galicia.

AGAMME realiza un esforzo particular en concienciar á poboación en xeral, e en especial aos profesionais dos ámbitos relacionados coa infancia, da tolerancia cero ante o maltrato infantil e da obriga ética e xurídica de denunciar ante o coñecemento ou sospeita de calquera tipo de maltrato. Nesta liña, reivindican un mellor sistema de atención á infancia maltratada, xunto á ampliación e actualización da lexislación vixente neste eido.

A música dos cinco continentes co poliinstrumentista Abraham Cupeiro

Os rapaces e as súas familias poderán desfrutar co espectáculo “Pangea. A paisaxe sonora do noso planeta”. É unha iniciativa do poliinstrumentista natural de Sarria Abraham Cupeiro que busca unir os cinco continentes a través da música. Parte da idea de que hai uns 200 millóns de anos no noso planeta existía un único e xigantesco continente: Pangea.

Este empezou a separarse e, co paso do tempo, deu lugar aos diferentes continentes tal e como os coñecemos hoxe.

Os asistentes farán unha viaxe musical dende a austral Oceanía cos ecos das súas caracolas, pasando polas misteriosas montañas chinesas a través do son do hulusi, visitarán as grandes chairas de Norteamérica, as selvas de Sudamérica, coñecerán o son da frauta Peul de Senegal, da gaida ou gaita búlgara, da desafiante zurna, ata as milenarias cornas de pastor.

Levará a batuta o mestre Rafael Agulló, que na actualidade é director da Banda e Escola Municipal de Música de Silleda, profesor na Academia de Música Profesional de Viana do Castelo (Portugal), director da Banda de Música de Pontevedra e estuda Dirección de orquestra no Conservatorio Superior de Música da Coruña.

Comentarios