O Estrela Vermelha subcampión na primeira volta da Liga Galega

O Estrela Vermelha subcampión na primeira volta da Liga Galega
O Estrela Vermelha subcampión na primeira volta da Liga Galega

No partido que pechaba a xornada de gaélico galego enfrontábanse o Estrela Vermelha de Compostela e os Ártabros de Oleiros

O Estrela Vermelha masculino volve gañar, queda segundo na Liga na primeira volta e xa coñece os seus rivais na loita polo título de Liga Galega Senior de fútbol gaélico.

No partido que pechaba a xornada de gaélico galego enfrontábanse o Estrela Vermelha de Compostela e os Ártabros de Oleiros.

Os compostelanos, con algunhas baixas en defensa, marcaron o ritmo desde o comezo do partido. Ao descanso xa tiñan tres goles e 12 tantos fronte un único gol e tres tantos do combinado visitante. Na segunda parte, as forzas equilibráronse, mais a reacción dos coruñeses foi demasiado tardía, polo que os vermellos nunca sentiron que houbese posibilidade real de rematar perdendo o partido. Dous dos xogadores que xogaron co Estrela pertencen ao filial estreleiro, o Estrela Gaels, e demostraron a súa valía anotando entre os dous un gol e 5 puntos. Ao remate do encontro o resultado final amosaba un Estrela Vermelha 4-21 (33) - 3-9 (18) Ártabros de Oleiros.

O Estrela Vermelha fica segundo na clasificación ao peche da primeira volta e os seus rivais polo título serán os Irmandinhos da Estrada, os Fillos de Breogán da Coruña e o Auriense de Ourense. Os vermelhos deben facer un pleno de vitorias se queren asegurarse de que o título de campións de Liga volva para Compostela, para o clube que máis veces gañou este torneo. Teñen catro semanas para preparar os seus tres últimos partidos ligueiros da tempada.

Por outra banda, a capital galega volverá o fútbol gaélico xa no próximo domingo 3 de marzo con dous grandes partidos que enfrontarán o Estrela Vermelha feminino con Keltoi Vigo e o Estrela Gaels cos Fillos de Breogán da Coruña.

Comentarios