O Paraninfo da USC acollerá o concerto do "Manuscrito Guerra"

O Paraninfo da USC acollerá o concerto do "Manuscrito Guerra"
O Paraninfo da USC acollerá o concerto do "Manuscrito Guerra"

O manuscrito consiste nunha antoloxía de cen tonos humanos, todos escritos para unha voz solista, excepto dous que precisan dous cantantes

Na Biblioteca Xeral da USC consérvase o ‘Manuscrito Guerra’, unha colección de tonos humanos da segunda metade do século XVII que supón unha valiosa fonte para o coñecemento da música vocal profana para solista do barroco español. 

Precisamente este singular documento, unha das grandes xoias do barroco hispano, será o protagonista do concerto que, coa colaboración da Deputación da Coruña, a mezzosoprano Lidia Vinyes-Curtis e o arpa barroca Manuel Vilas ofrecerán este martes 26 ás 20.30 horas no Paraninfo da Universidade.

Do documento, que comprende maioritariamente tonos para unha voz e baixo continuo, descoñécese a súa data de orixe e só se dispón do nome do copista, o escriba da Real Capela de súa Maxestade José Miguel Guerra. A Biblioteca Xeral obtivo o manuscrito grazas a que formaba parte dun conxunto bibliográfico que lle foi doado por Miguel Marín Arén en 1880. 

Como o legado incluía varios outros manuscritos procedentes do mosteiro santiagués de San Martiño Pinario, é posible que alí estivera tamén o Manuscrito Guerra e que Marín Arén o obtivera por mor das desamortizacións. Aínda que fose así, todas estas especulacións non rematan por explicar como un manuscrito musical da Casa Real foi parar a Santiago; a súa calidade ortográfica e a presencia de debuxos e ornamentacións parece indicar que estaba destinado a un personaxe distinguido.

O manuscrito consiste nunha antoloxía de cen tonos humanos, todos escritos para unha voz solista, excepto dous que precisan dous cantantes. Tono designaba un tipo de canción con acompañamento instrumental de baixo continuo; podía ser para varias voces, pero na época do manuscrito Guerra predominaba o destinado a un único cantante. 

Humano quería significar “profano”, para distinguilo do de temática sacra. Os tonos humanos podían interpretarse en moi variadas circunstancias, especialmente como peza illada de entretemento máis ou menos privado, como número musical dunha comedia teatral, ou formando parte dunha ópera ou dunha zarzuela. A temática predominante era a amorosa.

Comentarios
Lo más