Política cultural audaz aproveitando o potencial de Compostela, a proposta do BNG para as vindeiras eleccións

Política cultural audaz aproveitando o potencial de Compostela, a proposta do BNG para as vindeiras eleccións
Política cultural audaz aproveitando o potencial de Compostela, a proposta do BNG para as vindeiras eleccións

Completa o programa para as municipais con axentes do mundo da cultura

A candidata do BNG á alcaldía de Santiago de Compostela, Goretti Sanmartín Rei, reuniuse cun grupo de persoas do mundo da cultura de distintos ámbitos para poñer en común o programa co que a formación nacionalista concorrerá ás próximas municipais. Na xuntanza, as persoas participantes coincidiron na necesidade de aproveitar o potencial cultural do concello, tamén como eixo da promoción económica e proxección exterior, e coordinar os recursos de maneira eficaz.

Que a área de Cultura en Compostela non pode ser só un centro de programación de actividades foi unha das conclusións da xuntanza que o BNG organizou con Goretti Sanmartín e representantes de distintos ámbitos do mundo cultural, da creación e tamén da xestión. Na xuntanza presentáronse propostas de grande interese de cara a situar Compostela no centro da creación e a promoción cultural.

"A cultura para Santiago de Compostela ten que ser un eixo central da política municipal, pola propia natureza do concello, pola súa potencialidade, polo talento que desenvolve a súa creatividade aquí e tamén, e de maneira importante, como motor de futuro e creación de emprego", sinalou Goretti Sanmartín na xuntanza.

Neste sentido, na súa intervención, apostou por unha "cultura audaz", que sitúe Santiago de Compostela na "vangarda das propostas culturais" e aproveite as extraordinarias condicións que se foron conformando ao longo da historia para proxectalas como valor de futuro. "Santiago de Compostela é en sí mesma unha cidade da cultura e capital galega co cal ten que ocupar unha posición referencial que, neste momento, non ten", sinalou Goretti Sanmartín.

Lamentou a "oportunidade perdida" de recuperar o papel central de Santiago de Compostela como cidade da cultura despois dos anos da "nefasta política de desmantelamento" do PP no concello. e comprometeuse en que co "BNG a cultura volverá ocupar o lugar privilexiado que merece no concello, como carta de presentación e sinal de identidade, que nos singulariza, nos sitúa no mundo e nos posiciona como trampolín de exportación da cultura galega, na súa condición de capital e cidade de proxección mundial". engadiu Goretti Sanmartín.

Na xuntanza, propuxéronse proxectos, iniciativas e ideas que pasarán a formar parte do programa do BNG para as eleccións municipais que prestará especial atención a promocionar o talento que hai no concello, desenvolver e apoiar as industrias culturais, coordinar os distintos recursos e equipamentos, democratizar a cultura en todo o territorio municipal e aproveitar a condición de Santiago de Compostela como capital galega e da cultura para converterse en centro da promoción da nosa cultura no exterior e referencia do diálogo con outras culturas.

Comentarios