O obradoiro CREAS desenvolven traballos no polígono de Tambre e na escola unitaria de Amio

O obradoiro CREAS desenvolven traballos no polígono de Tambre e na escola unitaria de Amio
O obradoiro CREAS desenvolven traballos no polígono de Tambre e na escola unitaria de Amio

O alumnado do obradoiro de emprego dual CREAS, que se desenvolve en colaboración co Concello de Ames, está realizando unha intervención nunha parcela municipal do polígono do Tambre de 47.000 metros cadrados

O alcalde e a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo visitaron onte dúas das actuacións que se están a desenvolver no marco de cadanseu obradoiro de emprego dual. Martiño Noriega e Marta Lois achegáronse á parcela municipal do polígono do Tambre que está a ser acondicionada polo alumnado do programa CREAS, e posteriormente coñeceron a antiga escola unitaria de Amio, que está a ser rehabilitada como centro BTT dentro do obradoiro HabiliTS.

O alumnado do obradoiro de emprego dual CREAS, que se desenvolve en colaboración co Concello de Ames, está realizando unha intervención nunha parcela municipal do polígono do Tambre de 47.000 metros cadrados, situada fronte á sede da Asociación de Empresarios. A maior parte dos terreos, unha extensión de 31.450 metros cadrados, serán axardinados, executarase un paseo peonil e instalarase un sistema de rego e alumeado.

O obxectivo da actuación é integrar mellor no espazo os viarios de comunicación paralelos ao eixo da estrada N-550, proxectado no PXOM con aparcadoiros en ambos sentidos, beirarrúas e un gran espazo destinado a zonas verdes. Con posterioridade, esta intervención permitirá abrir unha área destinada á asociación do ámbito social da cidade que promova centros especiais de emprego e empresas de inserción, e a servizos de apoio municipais. Na visita á parcela participou tamén o presidente da Asociación Empresarial do Tambre, Jesús Chenel.

No obradoiro CREAS participan 20 alumnos e alumnas, desempregadas maiores de 18 anos, que están recibindo formación en dúas especialidades: repoboación forestal e tratamentos silvícolas e pavimento e albanelería de urbanización. O programa ten unha duración de nove meses e completarase con tres meses de inserción laboral na empresa ordinaria. O programa ten un orzamento de 360.000 euros, dos que case 290.000 euros proceden dunha subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

REHABILITACIÓN DA ESCOA UNITARIA DE AMIO

O alcalde e a concelleira de Desenvolvemento Económico tamén visitaron a antiga escola unitaria de Amio, que está a ser rehabilitada para converterse en Centro BTT, dentro do Obradoiro de Emprego HabiliTS. O edificio, construído en 1955, ten unha superficie de 284 metros cadrados, nunha parcela de case 3.500.

Os traballos consisten na substitución das instalacións de electricidade e iluminación, fontanería e saneamento, e das carpinterías exteriores e interiores. Tamén se está a completar o illamento térmico da vella escola, e acondicionarase a parcela coa instalación dunha pequena área de aparcamento e con puntos de lavado de bicis. No edificio vaise reservar unha área para ser utilizada pola Sociedade Deportiva Amio.

Neste Obradoiro HabiliTS, que se desenvolve en colaboración co Concello de Teo, participan 16 alumnos/as traballadores/as, nove deles na especialidade formativa de Desenvolvemento de Aplicacións con Tecnoloxía Web e 7 na de Operacións Auxiliares de Revestimentos Continuos en Construción. Todos eles son desempregados/as, menores de 30 anos de idade.

O proxecto ten unha duración de seis meses e conta cunha subvención da Consellería de Economía de máis de 150.000 euros. O Concello de Santiago achegará ao obradoiro 50.000 euros. 

Comentarios
Lo más