Paula Cons inicia a rodaxe do filme "O Santa Isabel" con Nerea Barros, Darío Grandinetti e Aitor Luna

Paula Cons inicia a rodaxe do filme "O Santa Isabel" con Nerea Barros, Darío Grandinetti e Aitor Luna
Paula Cons inicia a rodaxe do filme "O Santa Isabel" con Nerea Barros, Darío Grandinetti e Aitor Luna

Agallas Films coproduce un ‘thriller’ inspirado nas tres heroínas de Sálvora que arriscaron a súa vida para rescatar os náufragos do vapor transatlántico que afundiu en 1921 fronte a esta illa


Varias localizacións galegas acollerán a partir do vindeiro luns e durante seis semanas a rodaxe de ‘O Santa Isabel’, película da directora Paula Cons inspirada no naufraxio deste vapor transatlántico fronte á illa de Sálvora en 1921. Agallas Films encabeza esta coprodución internacional para a que recibiu, entre outras achegas, o apoio económico da Xunta de Galicia a través do programa de subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ao sector audiovisual.

O proxecto contou co acompañamento da Agadic xa desde a súa fase de preprodución, como adxudicatario en 2015 dunha axuda ao desenvolvemento de 19.000 euros, e en 2017 recibiu o impulso para a súa produción coa concesión de 240.000 euros na convocatoria de subvencións a producións e coproducións audiovisual de contido cultural galego. En concreto, como explicou hoxe o director da Agadic, Jacobo Sutil, este título foi un dos beneficiarios na modalidade dirixida a longametraxes de ficción con especial valor cinematográfico, cultura e social, que fomenten o tecido industrial e teñan vocación de difusión e comercial nacional e internacional.

Protagonismo feminino

“É evidente, como estamos a comprobar xa, que cada unha destas premisas se está a dar neste filme”, sinalou Sutil, quen destacou que este thriller aborda un episodio moi singular e non demasiado coñecido da historia de Galicia, poñendo o foco e o protagonismo nas mulleres, e non tanto no suceso en si mesmo como nas implicacións derivadas del desde a perspectiva actual.

O director da Agadic fixo estas declaracións durante a presentación do inicio da rodaxe que tivo lugar esta mañá no Museo Municipal de Ribeira, onde se exhiben obxectos do propio barco e documentación xerada a partir do naufraxio. Interviñeron tamén Manuel Ruiz, alcalde de Ribeira; Xaime Arias, director de Proxección Social da CRTVG, outra das entidades participantes nesta produción; e Juan de Dios Serrano, produtor executivo de Agallas Films, así como a propia Paula Cons e tres dos protagonistas de O Santa Isabel: Nerea Barros, Darío Grandinetti e Aitor Luna. 

Nerea Barros interpreta a María, unha das tres heroínas de Sálvora, que arriscaron a súa vida para intentar salvar os náufragos deste vapor, afundido o 2 de xaneiro de 1921 fronte a costa de Ribeira na súa ruta de Bilbao a Cádiz recollendo emigrantes rumbo a Bos Aires e con máis de 260 persoas a bordo. Cincuenta delas sobreviviron grazas á valente intervención de María e doutras dúas mozas da illa: Josefa e Cipriana, interpretadas polas tamén galegas Victoria Teijeiro e Ana Oca.

No reparto figuran outras actrices e actores galegos, como Milo Taboada, Celso Bugallo, María Costas ou Machi Salgado. Paula Cons, quen tamén asina o guión xunto a Luis Marías, conta tras as cámaras cun equipo de destacados profesionais, como Aitor Mantxola (El fotógrafo de Mauthausen) ou o director de arte Antonio Pereira (Fariña).

Coprodución con Arxentina e País Vasco

O Santa Isabel desenvólvese como unha coprodución internacional entre a empresa galega Agallas Film, a arxentina Aleph Cine e a vasca Historias del Tío Luis, coa participación de RTVE, TVG e ETB. Ademais da subvención da Xunta, o filme recibiu tamén apoios do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA) do Goberno de España, do Goberno Vasco, do Instituto Nacional de Cine y Artes Audiovisuales (INCAA) arxentino e do programa internacional Ibermedia.

O proxecto foi finalista no Foro EGEDA/FIPCA celebrado no marco dos Premios Platino e seleccionado para participar no SantiagoLab Cruzando Fronteiras do Festival de Cine de Santiago de Chile.

Comentarios