Rescatan a un mozo despois de caer á auga en Vigo
Sucedeu sobre as 05:00 horas no Porto
Un mozo foi rescatado esta madrugada por axentes da Policía Nacional despois de caer á auga en Vigo.
Dez minutos antes das 05:00 horas, un particular poñía en alerta ao Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia. Indicaba que unha persoa caera á auga, á altura dun farol vermello, ao fondo do camiño, no Porto.
De inmediato, desde o 112 pasouse aviso a Salvamento Marítimo, ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil, Policía Nacional e Local. Do mesmo xeito, informouse dos feitos ao persoal do Servizo de Garda Costas de Galicia e da Autoridade Portuaria.
Finalmente, axentes da Policía Nacional confirmaron o rescate do mozo, que foi trasladado polos servizos sanitarios de urxencia ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.