O Centro Empresarial do Tambre acolle mañá unha exposición colectiva de dezasete artistas plásticos

O Centro Empresarial do Tambre acolle mañá unha exposición colectiva de dezasete artistas plásticos
O Centro Empresarial do Tambre acolle mañá unha exposición colectiva de dezasete artistas plásticos

A exposición estará aberta ao público ata o vindeiro 29 de marzo

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) inaugurará mañá luns, día 4, a exposición colectiva “Contrapuntos” con obras de dezasete artistas plásticos da Asociación Galega de Arte e Cultura (AGAEC). O acto celebrarase ás 20:00 horas no Centro Empresarial do Tambre, e contará coa presenza dos artistas [Carmen Sampedro, Deiviz Kostoya, FrAn LaREo, Lola Sanz, Mary Olivares, Teresa Pérez Meijide, A. G. Pombo, Carmela Taboada, Carmen Torres-Maroño, Tino Cuesta, Esther Molinero Nacle, Isabel Andrés, Mary Carmen Calviño Iglesias, Nietto, Pepa Mariño, Suly e Verónica Herrán “Roni”]. A exposición estará aberta ao público ata o vindeiro 29 de marzo.

A mostra está composta por trinta e dúas obras, sumando dúas pezas recentes por artista, dos que dezaseis expoñen pintura e un escultura. As obras pictóricas van desde o abstracto ao hiperrealismo, en diferentes formatos, realizadas en óleo, técnicas mixtas ou collage, e maioritarimante sobre lenzo. As dúas obras de escultura do artista Fran LaREo son de pequeno formato.

O conxunto de obras reflicte o pensamento dos artistas que amosan na súa creación artística diversos puntos de vista de temas que son do seu interese. Ademais, a exposición trata de conciliar as diferentes tendencias artísticas, que aínda que son contrapostas, ofrecen unha harmonía e unha visión poética do mundo que rodea aos creadores.

A Asociación Galega de Arte e Cultura (AGAEC) é unha entidade sen ánimo de lucro de ámbito autonómico, constituída no ano 2004 en Santiago de Compostela, que agrupa artistas plásticos, poetas, músicos e outros colaboradores, actualmente composta por 22 artistas plásticos. Presidida pola artista Esther Molinero, o seu obxecto prioritario é a difusión e promoción da arte e a cultura galegas en todas as súas manifestacións, tanto dentro da comunidade galega coma no exterior con intercambios internacionais de artistas, tanto de países comunitarios como doutros extracomunitarios (un intercambio coa asociación Tamagani de Chaves en Portugal; outro en Castela A Mancha no IV Centenario do Quixote; ou co Xacobeo no centenario de Dalí).

As principais actividades de AGAEC son a organización de exposicións colectivas, ciclos de conferencias, homenaxes, recitais poéticos, certames literarios, actividades con mozos e pequenos, talleres con nenos e discapacitados, a fin de contribuír á súa integración social, e ao enriquecemento individual e colectivo. Como novidade, comezaron a colaborar a finais de 2018 con Radio Ames nun programa quincenal chamado “El arte como factor integrador”.

Unha das súas actividades principais é a colaboración na difusión da figura de Cristóbal Colón, baseada na tese do Colón galego, a través da exposición itinerante “La mar océana” onde se intentan representar as viaxes interoceánicas do descubridor e a posta en valor da riqueza e da paisaxe das costas galegas. Outras mostras itinerantes foron as relacionadas coa Ruta das Camelias ou a Ruta do Viño, expoñendo en diversos pazos e bodegas galegas, ou a titulada “Tras as pegadas culturais da emigración" en centros galegos nacionais e do exterior. Tamén foron invitados a expor no Parlamento Europeo e participaron no Certame Góis-Oroso Arte de Portugal. Nos vindeiros días, mostrarán obra no “Arte na Raia II” coa galería Vieira Portuense.

Ademais, AGAEC ten un convenio de colaboración coa Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para organizar, con motivo do Día das Letras Galegas, unha Mostra colectiva das artes e das letras dos empregados da Administración Autonómica galega. E tamén ten un acordo co Confederación de Empresarios de Pontevedra para expoñer diversas pezas, como as obras do Porto de Marín para realizar a homenaxe ás heroínas do Santa Isabel.

Comentarios
Lo más