Presentouse o "Dicionario da Comida Galega", que reúne máis de 1.000 entradas da cultura gastronómica galega

Presentouse o "Dicionario da Comida Galega", que reúne máis de 1.000 entradas da cultura gastronómica galega
Presentouse o "Dicionario da Comida Galega", que reúne máis de 1.000 entradas da cultura gastronómica galega

O autor, Xavier Rodríguez Baixeras, empregou máis de 15 anos en confeccionar a obra

O Dicionario da Comida Galega. Do abadexo á zorza, coeditado por Aira editorial e Engaiolarte, é unha magna obra de Xavier Rodríguez Baixeras, consagrado poeta e ensaísta que con este libro cumpre un fito histórico: catalogar, sistematizar e dilucidar todos os aspectos relacionados coa cultura gastronómica de Galicia desde os puntos de vista histórico, lingüístico e literario.

A obra, que está á venda desde este 1 de marzo, reúne en máis de 1.000 entradas todas as voces relativas á comida. “Non se trata só dun dicionario de cociña”, explicou Baixeras no acto de lanzamento que se celebrou o venres no Espazo Abella de Santiago de Compostela. “Quixen falar da comida no seu conxunto como parte fundamental da nosa cultura. Tanto das materias primas como da pegada que a gastronomía deixou na nosa literatura”, engadiu.

O Dicionario da Comida Galega reúne en case 600 páxinas ilustradas e a toda cor, nunha edición de luxo, un traballo enciclopédico que o autor foi realizando paso a paso, ficha a ficha durante quince anos. “Era necesario”, indicou Baixeras, “que se aclarase a enorme variedade lingüística que o galego ten para definir termos relacionados co comer. Cada produto ou proceso de cociñado ten varios nomes segundo as zonas. Agora, con este traballo, coido, poderemos saber mellor de que falamos cando nos referimos a tal ou cal aspecto da mesa”.

Para publicar este libro, salientou un dos seus editores, Xan Carballa, de Engaiolarte,, “houbo que reunir un conxunto de factores. O empeño profesional de Aira e Engaiolarte pero tamén o apoio de institucións, caso do Concello de Santiago, que patrocinou a edición, como dun total de 17 empresas e organismos (COREN, Clun-Feiraco, Gadis, Terras Gauda, Concello do Porriño, Conservas Albo, Galicia Calidade, Amendoados Fina Rei, Deputación de Lugo, Deputación da Coruña, Ternera Galega, Consello da Cultura, Denominacións de Orixe pataca de Galicia, Pataca de Galicia e Pan de Cea), que se implicaron nesta edición”.

Carballa dixo sentirse orgulloso de conciliar en torno a este proxecto diferentes vontades. “Este é un gran proxecto e merece figurar entre os fitos da nosa recente historia cultural. É a primeira vez que un dicionario así se publica na Península Ibérica e coido que valerá non só para que desfruten os seus lectores senón tamén para futuros traballos e investigacións, tanto desde o punto de vista filolóxico como gastronómico”.

O acto de lanzamento realizouse no Espazo Abella, de Santiago, un novo modelo hostaleiro que propón formación avanzada e unha experiencia gastronómica personalizada, da man do cociñeiro André Arzúa. Para César Lorenzo, de Aira editorial, o dicionario de Xavier Rodríguez Baixeras pode servir para fortalecer ese interese pola innovación. “Este non é un dicionario para falar dunha cultura gastronómica estancada senón todo o contrario. Vemos como afortunadamente a cultura da cociña en Galicia está a vivir un moi bo momento, con propostas que sen apartarse da riqueza das nosas materias primas, conseguen novos sabores e maridaxes. O éxito deste libro tamén vai ser o éxito desa nova cultura gastronómica, para un público esixente e que agradece o coñecemento da tradición e o cariño co produto”.

O evento foi clausurado polo alcalde de Santiago, Martiño Noriega, que animou a ler o libro. “É moi agradable para ler. Non é simplemente un dicionario de consulta. Dá gusto deslizarse polas súas páxinas e descubrir aquí e acolá cousas que un non sabe”, dixo.

Noriega tamén gabou a calidade da edición. “É un traballo estupendo, moi coidado, de excelente feitura”. O libro está á venda nas librarías por 49,90 euros.

Comentarios