Baixan un 2,5% as rupturas matrimoniais en Galicia

Baixan un 2,5% as rupturas matrimoniais en Galicia
Baixan un 2,5% as rupturas matrimoniais en Galicia

En 2018 presentáronse nos xulgados da comunidade 5.981 demandas de divorcio e separación, fronte ás 6.132 de 2017

O número de demandas de ruptura matrimonial presentadas en Galicia o ano pasado foi de 5.981, fronte ás 6.132 que se recibiron nos xulgados da comunidade en 2017, o que supón un descenso do 2,5 por cento.

Segundo os datos feitos públicos hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial, aumentaron na comunidade en 2018 os divorcios consensuados (de 3.300 no ano 2017 a 3.352 en 2018, o que supón un leve ascenso do 1,6 %), pero diminuíron os non consensuados (de 2.585 a 2.411, un 6,7 % menos). En relación ás separacións de mutuo acordo, pasaron de 166 en 2017 a 152 o ano pasado, cunha caída do 8,4 por cento, mentres que as separacións contenciosas baixaron un 18,5 %, ao pasar de 81 a 66. En 2018 rexistráronse seis peticións de nulidade matrimonial, fronte ás tres do exercicio anterior.

Poñendo en relación as demandas de ruptura matrimonial coa poboación a 1 de xaneiro de 2018, Galicia sitúase en 22,1 peticións por cada 10.000 habitantes, por baixo da media estatal (23,9).

O ano pasado iniciáronse 544 procedementos de modificación de medidas de mutuo acordo, os mesmos que en 2017, mentres que as demandas de modificación de medidas non consensuadas foron 1.718, o que supón un lixeiro descenso do 7 por cento.

En canto aos procedementos de garda, custodia e alimentos de fillos non matrimoniais, rexistráronse o ano pasado 858 demandas de modificación de medidas consensuadas, o que supón un descenso do 11 % con respecto a 2017. As demandas non consensuadas tamén diminuíron, pois pasaron de 1.320 en 2017 a 1.274 en 2018, o que supón un 3,5 por cento menos.

Comentarios
Lo más