O Concello de Ames e a Plataforma Feminista Galega conmemoran o Día Internacional das Mulleres con varios actos a través dos que convidan ás amesás a unirse ao 8M

O Concello de Ames e a Plataforma Feminista Galega conmemoran o Día Internacional das Mulleres con varios actos a través dos que convidan ás amesás a unirse ao 8M
O Concello de Ames e a Plataforma Feminista Galega conmemoran o Día Internacional das Mulleres con varios actos a través dos que convidan ás amesás a unirse ao 8M

A Plataforma Feminista Galega 8M tamén organiza varias iniciativas en Ames, entre elas unha concentración o venres 8 na Praza do Concello en Bertamiráns

O Concello de Ames conmemora o Día Internacional das Mulleres cun acto que se desenvolverá hoxe xoves, 7 de marzo, no IES de Bertamiráns baixo o título Muller Arbórea. Así, ao longo da mañá, realizarase a plantación de dúas árbores, a lectura do manifesto institucional e un concerto de poesía teatralizada.

Ademais, a Plataforma Feminista Galega 8M tamén organiza varias iniciativas en Ames, entre elas unha concentración o venres 8 na Praza do Concello en Bertamiráns. O Concello de Ames e a Plataforma Feminista Galega 8M organizan con motivo do Día Internacional das Mulleres un programa formado por unha serie de eventos en Ames co obxectivo de animar ás amesás sensibilizadas coas reivindicacións do movemento feminista a saír ás rúas o venres 8 de marzo, co obxectivo de facer visibles os traballos, as demandas e os dereitos das mulleres para facer da igualdade unha realidade. Así, ambos entes apoian e convocan ás mulleres amesás a que colguen os mandís nas ventás e balcóns de forma reivindicativa e se unan ao 8M.

Así, o xoves ás 12.00h o Concello levará a cabo un acto baixo o título Muller arbórea, que consistirá na plantación de dúas árbores no Paseo de Carmen Amado, situado no IES de Bertamiráns, tralo que se lerá o manifesto institucional e haberá unha intervención do alumnado do centro. A continuación, terá lugar un concerto e poesía teatralizada contra o patriarcado, representado polo grupo Casa Morada na que se recitarán diversos temas e cancións nos que a muller e a reivindicación da igualdade serán os temas centrais.

Durante o acto, realizaranse unha serie de actividades nas que se realizará un paralelismo entre a sociedade e a natureza, mostrando a necesidade dun bo contexto para que a semente medre forte.

Pola súa banda, a Plataforma Feminista galega 8M instalará o mércores unha mesa informativa no Milladoiro, mentres que o xoves será a quenda de Bertamiráns, localidades nas que tamén se repartirán cartaces e dípticos informativos. Así, o venres convocarase unha xuntanza na Praza de Chavián, que se trasladará á entrada da Casa da Cultura de Bertamirán no caso de que chova, para preparar pancartas e ultimar unha coreografía que xa se comezaría a ensaiar o xoves ás 16.00h na mesma localidade.

Así, ás 11.00h comezará un paseo por Bertamiráns no que as participantes chamarán ao resto de amesás a que participen na concentración que terá lugar ás 12.00h na Praza do Concello. Ao finalizar a manifestación, as participantes que así o desexen poderán ir ata o Pazo da Peregrina para ultimar os ensaios dos cantos e a coreografía que se desenvolverá na concentración da tarde, que sairá da Praza 8 de marzo de Santiago. Ás 14.30 asistirán a un xantar elaborado e servido polos profesores e os alumnos de 2º de Bacharelato do IES de Bertamiráns, tralo que un profesor voluntario impartirá unha sesión de Ioga.

Esta programación conta co apoio mutuo do Concello de Ames e da Plataforma Feminista galega. Así, dende o Concello convocase a todas as amesás a que participen nos actos organizados ao abeiro desta celebración, que colguen os mandís e se unan aos actos destinados a reclamar que a igualdade entre homes e mulleres en todos os aspectos sociais se converta nun feito.

A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, anima a todos os veciños e veciñas de Ames a que acudan a estas iniciativas en prol da igualdade das mulleres, posto que “nestes momentos, máis que nunca, temos que loitar para que desaparezan as discriminacións e as desigualdades as que nos vemos sometidas as mulleres polo único feito de selo. Discriminacións e desigualdades que se dan en todos os ámbitos”.

Neste senso, Luísa apunta que “a desigualdade está presente en diversos eidos da vida das mulleres, como no laboral, ca existencia da fenda salarial, do teito de cristal, da feminización tanto dos contratos a tempo parcial coma do emprego precario; ou no eido dos coidados, posto que parece que polo simple feito de ser muller tócanos o papel de coidadoras dos nosos fillos, dos nosos pais, incluso dos pais das nosas parellas… Isto provoca que moitas veces sexamos nós as que teñamos que deixar aparcado o noso propio desenrolo laboral, o que conduce a unha menor cotización e, por conseguinte, a que sexamos as mulleres as que percibamos menos pensións de xubilación. Tamén ten o seu reflexo no eido sanitario, ao non terse en conta as peculiaridades ou particularidades da saúde na muller, ou da conciliación. Por tanto, non podemos consentir ningún retroceso nos dereitos que temos conquistado ca loita de moitas mulleres, das nosas nais, avoas, bisavoas. Temos que deixar claro este 8 de marzo que os nosos dereitos, os dereitos das mulleres, non son moeda de cambio”.

O goberno municipal instalou ao longo da última semana de febreiro unha serie de vinilos nas entradas da Casa do Concello e das Oficinas xerais do Milladoiro como mostra do seu apoio á folga feminista convocada para o 8 de marzo. Baixo o lema #NinUnPasoAtras, utilizado polas plataformas feministas ao longo deste ano como contrapunto a posicións que perpetúen a desigualdade. Asemade, nos vinilos tamén se fai referencia á sororidade, ou o que é o mesmo, a relación de solidariedade entre as mulleres, en especial na loita polo empoderamento.

Comentarios
Lo más