En Marea chama á participación nas primarias que se desenvolverán este fin de semana

En Marea chama á participación nas primarias que se desenvolverán este fin de semana
En Marea chama á participación nas primarias que se desenvolverán este fin de semana

En Marea presentou este martes ás integrantes das candidaturas que participarán no proceso de primarias previo aos próximos comicios xerais e europeos

En Marea fai un chamamento para que todas as persoas inscritas se pronuncien e tomen parte activa no proceso de primarias que se desenvolverá a vindeira fin de semana. Dende o venres 8 ás 9:00 ata o domingo 10 de marzo ás 23:59 estarán abertas as votacións para o deseño das candidaturas coas que a formación concorrerá ás próxima eleccións xerais e europeas. 

A elección realizarase empregando o sistema de preferencia Borda, segundo o cal cada inscrita poderá pronunciarse sobre o posto que as distintas candidatas ocuparán nas listaxes definitivas que se presentarán ao Congreso dos Deputados, ao Senado e ao Parlamento Europeo.

En Marea presentou este martes ás integrantes das candidaturas que participarán no proceso de primarias previo aos próximos comicios xerais e europeos. A formación confía en que as inscritas se pronuncien de xeito masivo para decidir a orde dos listados para as eleccións que se celebrarán nos vindeiros meses de abril e maio. 

Un proceso electoral ao que a formación aspira a chegar cunha candidatura “froito da cooperación, que dea mostra do seu carácter plural e transversal”, tal e como destacou a candidata pola Coruña ao Congreso, Ana Seijas. Quen incidiu na necesidade de participación para conseguir levar a voz da xente da rúa ás institucións” a través dun proxecto “100% galego, sen tutelas, de país. Non queremos que ninguén decida por nós. Queremos decidir dende Galicia para Galicia”, afirmou.

A candidata ao Congreso por Pontevedra, Iris Malvido, destacou a actual posición de En Marea como segunda forza política en Galicia. Unha situación que a viguesa ve necesario aproveitar para impulsar políticas que permitan reverter a complicada situación socioeconómica, a precariedade e as estadísticas desoladoras que afectan especialmente a mulleres e mocidade. “Temos todo na nosa man para cambiar a situación, poñer o Congreso e o Senado patas arriba e poñer toda a enerxía e creatividade ao servizo da mocidade, dos maiores, dunhas pensión dignas e dunha sanidade e educación públicas de calidade”.

Tamén o candidato ourensán ao Senado, Millán Brea, incidiu na necesidade de traballar para reverter o elevado índice de emigración xuvenil, así como o avellentamento que afecta ao conxunto da Comunidade e que ten especial incidencia na súa provincia. “É momento de recuperar a ilusión. O Senado non pode ser o premio para a xente que leva anos en política, senón unha cámara activa” ao servizo da cidadanía, indicou.

Pola súa banda, a lucense Critina Pérez Herraiz puxo o foco na necesidade dunha maior interrelación entre o municipalismo e a política de ámbito nacional. “O municipalismo non pode existir sen un proxecto nacional, e un proxecto nacional non pode existir sen o municipalismo”, indicou a candidata ao Congreso; que amosou a súa vontade de traballar para “trasladar as inquedanzas e as problemáticas do día a día á Cámara dos Deputados e impulsar políticas cercanas á cidadanía, que permitan recuperar os dereitos, as liberdades e o benestar perdido”. 

Comentarios