O Concello conmemora o Día da Muller

O Concello conmemora o Día da Muller
O Concello conmemora o Día da Muller

O acto institucional do día de hoxe comezará ás 19:30 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello. Procederase á lectura dun manifesto institucional

O Concello de Teo conmemorará o 8 de marzo, Día das Mulleres, cun acto institucional programado para o serán de hoxe 7 de marzo, o apoio á folga de mulleres do 8 e unha excursión a Celanova e Bande prevista para o 7 de abril.

O acto institucional do día de hoxe comezará ás 19:30 horas no Salón de Plenos da Casa do Concello. Procederase á lectura dun manifesto institucional. De seguido MJ Pérez ofrecerá unha actuación musical. E para rematar proxectarase Noetiña. As mulleres e o mar na Costa da Morte, un documental de 25 minutos de duración dirixido por Gabriela Amor que obtivo o primeiro premio no certame Luísa Villalta, convocado pola Deputación da Coruña.

En canto á excursión do 7 de abril, o prazo para inscribirse comezará a partir do vindeiro 11 de marzo no enderezo cim@teo.gal.Con estes actos, o Concello apoia os movementos feministas e corrobora que o 8-M segue sendo un día central nas axendas da nosa sociedade. A xornada conmemora as loitas para acadar e equiparación dos dereitos de homes e mulleres e reclama de xeito activo que sexan dereitos cunha plasmación clara na vida cotiá das mulleres. Teñen que saltar do papel á vida social, laboral, xudicial e política.

A corporación de Teo apiou no pleno celebrado o pasado 27 de febreiro unha moción de apoio ás mobilizacións do 8 de marzo. No texto acórdase apoira a folga feminista ademais de comprometerse a difundir os actos desta xornada reivindicativa así como colocar a bandeira feminista e unha pancarta na Casa do Concello. Consulta aquí a moción completa.

Obradoiro feminicidio

Os actos rematarán o xoves 14 de marzo cun obradoiro sobre o libro de Carme Adán Feminicidio. Unha nova orde patriarcal en tempos de submisión. O obradoiro será ás 19:30 horas na Casa Común de Cacheiras. Consistirá nunha breve exposición sobre o tema por parte da autora, lectura de textos e posterior debate coa xente que participe. Para inscribirse hai que chamar ao teléfono do Centro de Información á Muller (CIM) de Teo. As persoas que asistan poderán vir polo Concello a buscar o libro nos días previos para poder aproveitar mellor o obradoiro.

Comentarios