As mulleres da Comarca do Barbanza sofren máis o paro, a precariedade, a parcialidade e pensións máis baixas que os homes

As mulleres da Comarca do Barbanza sofren máis o paro, a precariedade, a parcialidade e pensións máis baixas que os homes
Foto de arquivo
As mulleres da Comarca do Barbanza sofren máis o paro, a precariedade, a parcialidade e pensións máis baixas que os homes

Con motivo da conmemoración do Día internacional da muller traballadora, 8 de Marzo, e a convocatoria da folga e numerosas mobilizacións para denunciar a precariedade que sofren as mulleres, a violencia machista e a brecha salarial, UGT-Compostela- Barbanza ven de elaborar un informe no que se analiza a situación socio laboral da muller na Comarca do Barbanza

Á vista das estatísticas analizadas confírmase, un ano máis, que o mercado laboral feminino segue a manifestar peores condicións que o masculino en todas as súas variables.

A progresiva incorporación da muller ao eido laboral non vén acompañada dunha diminución das desigualdades e discriminacións existentes por razón de xénero. Lonxe de mellorar a situación, mantense e, incluso nalgúns casos, agudízase.

É necesario resaltar tamén, que unha discriminación máis, é a falta de estatísticas que desagreguen as variables do mercado laboral por sexos, sobre todo cando o ámbito que se quere analizar é por concellos, porque o que non se pode estudar non permite coñecer a realidade, e polo tanto dificulta o establecemento das medidas necesarias para erradicar as discriminacións. 

Entrando de chego co informe, este indica que, por cada cen persoas afiliadas á Seguridade Social na comarca, tan só o 45,4 son mulleres, o que evidencia as dificultades das mulleres para acceder ao mercado laboral. Ademais, dáse unha participación inferior á que se rexistra no resto de Galicia, onde a porcentaxe é do 48,4%.

DE CADA CEN PERSOAS EN PARO NA COMARCA, 59 SON MULLERES

O desemprego na comarca tamén ten un perfil feminino, de cada cen persoas nesta situación, 59,2 (57,4 por cento no conxunto de Galicia) son mulleres. É dicir, das 5.089 persoas desempregadas na comarca no ano 2018, 3.013 son mulleres.

E tamén se percibe que existen fortes diferenzas segundo o concello analizado. De novo, como ocorre no resto de Galicia, da tímida mellora da situación económica non se fai copartícipes ás mulleres. A contracción do paro entre os homes no último ano foi dun 14,2 por cento, mentres que no caso das mulleres é de tan só 9,8 puntos na comarca.

Por concellos, destacan polo extremo dos datos o 64,7 por cento de Ribeira e o 50,9 por cento de Lousame.

O DESEMPREGO DE LONGA DURACIÓN AFECTA MÁIS ÁS MULLERES, O 62,8 POR CENTO

Outra das grandes lacras do mercado laboral, o desemprego de longa duración, tamén afecta nesta comarca maioritariamente ás mulleres, acadando o 62,8 por cento do total, fronte ao 60,4 por cento que se rexistra en Galicia. Hai na comarca 2.055 persoas desempregadas de longa duración, máis dun ano no paro, e, deste total, 1.290 son mulleres, o 62,8 por cento. É dicir, hai máis mulleres desempregadas e teñen máis dificultades que os homes para saír desta situación.

Por concellos, tamén existen grandes diferenzas no que respecta ao desemprego de longa duración entre as mulleres, desde o 50,2 por cento de Lousame ata o 70,6 por cento de Ribeira. De novo, Ribeira volve a ser o concello con peores rexistros.

Por sectores, tamén existen fortes diverxencias na comarca en relación aos indicadores rexistrados entre homes e mulleres. No caso dos homes o maior número de desempregados dáse no sector da construción, 435 persoas no paro, o 21 por cento do total masculino. No caso das mulleres son as actividades administrativas e servizos auxiliares as que concentran máis desempregadas, 593, o 19,7 por cento do total.

TAN SÓ O 7,1 POR CENTO DOS CONTRATOS ASINADOS POR MULLERES FORON INDEFINIDOS

Na comarca rexistráronse no 2018 un total de 33.003 contratos, o 48 por cento asinados por mulleres. Este reparto desigual dende un punto de vista cuantitativo tamén se plasma nunha forte desigualdade en relación á tipoloxía de contratación utilizada. Así, no 2018 tan só o 7,1 por cento dos contratos rexistrados foron indefinidos no caso das mulleres, fronte ao 9 por cento no caso dos homes. De novo dáse unha situación aínda máis precaria nesta comarca que no resto de Galicia, onde a porcentaxe é de 8,5 puntos no caso das mulleres e 9,6 puntos no caso dos homes.

De novo, as diferenzas por concellos son abismais, dende o 4,5 por cento de contratos indefinidos no caso das mulleres en Boiro, aos 15,5 no caso de Noia.

A CONTRATACIÓN A TEMPO PARCIAL TEN ROSTRO DE MULLER. O 31,8 POR CENTO DAS MULLERES CONTRATADAS NO 2017 O FIXERON BAIXO ESTA MODALIDADE

A contratación a tempo parcial tamén ten rostro de muller. Sobre o total da contratación rexistrada no ano 2018 a mulleres, o 31,8 por cento foi a tempo parcial, mentres que no caso masculino esta porcentaxe é do 21,6 por cento. Porto do Son e Noia son os concellos que rexistran porcentaxes máis elevadas. Fronte a Boiro e Lousame coas porcentaxes máis baixas.

A contratación a tempo parcial por si mesma non é negativa, pero temos quer ter en conta que na gran maioría dos casos é involuntaria, sendo as causas máis comúns non poder atopar un traballo a tempo completo ou por verse na obriga de asumir diferentes responsabilidades familiares.

En canto á brecha salarial, non existen datos estatísticos dos concellos que conforman a comarca pero si se pode salientar que no conxunto de Galicia esta é de 23 puntos.

A BRECHA NAS PENSIÓNS ENTRE HOMES E MULLERES É DE 30,4 PUNTOS

Como consecuencia da maior precarización que sofren as mulleres no mercado laboral, a súa protección social tamén é menor. A brecha salarial entre homes e mulleres nas pensións contributivas elévase na comarca ao 30,4 por cento.

No ano 2017, na comarca houbo 11.098 mulleres pensionistas da Seguridade Social, o que implica o 47,5% do total. A contía media das pensións das mulleres ascende a 682,66 euros mensuais, fronte aos 981,28 euros dos homes, 298,62 euros ao mes de diferenza.

Esta é a factura do traballo desenvolvido ao longo da vida, con xornadas a tempo parcial, con contratos temporais, con excedencias, con reducións de xornada para coidar fillos e fillas e outros familiares, sumado ao traballo non remunerado nas tarefas do fogar e o coidado de familiares.

Comentarios
Lo más