Celébrase o Día Internacional da Muller na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal

Celébrase o Día Internacional da Muller na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal
Foto de arquivo
Celébrase o Día Internacional da Muller na Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal

Na programación de marzo ofrece varias actividades para desenvolver as medidas previstas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal súmase ás celebracións con motivo do Día Internacional da Muller e ofrece, dentro da súa programacións do mes de marzo, as seguintes actividades que se realizan ao amparo do Acordo de colaboración entre a Vicepresidencia, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Consellería de Cultura e Turismo para desenvolver as medidas previstas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero:

*Xoves 7 de marzo ás 18.00h na sala infantil. Obradoiro de ilustración feminista “Bravas” a cargo de Clara R. Cordeiro, historiadora da Arte e xestora cultural especializada en perspectiva de xénero e Eva Agra, ilustradora da colección Mulleres Bravas da Nosa Historia da editorial Urco. Será un espazo creativo a través do que xerar consciencia feminista e ensinar ás nenas e nenos referentes de mulleres artistas e ilustradoras. Traballaremos con distintos materiais, técnicas e soportes co fin de expresar a igualdade de xénero a través do debuxo e a ilustración. Dirixido a nenas e nenos de 6 a 12 anos. O límite de prazas é de 12 nenos e nenas. Entrada por rigorosa orde de chegada.

*Xoves 7 de marzo ás 19.30h no salón de actos. Charla “ Feminismo: unha longa historia e novos retos” a cargo da escritora Mónica Bar Cendón quen fará un breve repaso dos referentes históricos e teóricos do feminismo ao abeiro dos novos retos da actualidade. A continuación, abrirase un tempo de debate. Entrada libre ata completar a capacidade da sala.

*Sábado 9 de marzo ás 12.00h no salón de actos. Contacontos "A mosca louca" a cargo de Charo Pita. Historias de personaxes que buscan ser eles mesmos sen importar o seu xénero. Para nenas e nenos a partir de 3 anos. Entrada libre ata completar a capacidade da sala.

*Obradoiro de teatro con perspectiva de xénero para nenas e nenos a cargo de Mariña López Varela que terá lugar os luns de 18.00 a 19.30h no salón de actos. A actividade que comeza o 11 de marzo e remata o 17 de xuño, está dirixida a nenas e nenos de 8 a 12 anos e o número máximo de participantes é de doce. Para poder participar é preciso ter o carné da biblioteca e requírese inscrición previa na páxina web.

*Club de lectura feminista: #leoedescubroAutorAs a cargo da escritora Andrea Barreira Freije. Comeza o 11 de marzo e celebrarase en luns alternos de 19.30 a 20.45h nas salas de traballo do 3o andar. Está dirixido a persoas adultas e o número máximo de participantes é de quince. É preciso ter o carné da biblioteca e requírese inscrición previa no mostrador de Información, por teléfono ou por correo electrónico.

*Sábado 23 de marzo ás 12.00h no salón de actos. Contacontos “As emocións non son de nenas e nenos...son de persoas” a cargo de Juste Kamishibai. Unha montaxe onde se narran e interpretan contos para educar na igualdade e na diversidade e que ten como eixe central as historias da Fada Menta, personaxe do “Libro das emocións para nenas e nenos” da escritora Gemma Lienas. A técnica utilizada na montaxe é de teatro de papel e Pop- up. Para nenas e nenos a partir de 3 anos. Entrada libre ata completar a capacidade da sala.

*Sábado 30 de marzo ás 12.00h no salón de actos. Contacontos ”Cóntame máis!“ a cargo de Ángeles Goás. Espectáculo de narración oral composto por unha selección de contos nos que se respira igualdade e se respecta a diferencia, porque a verdadeira maxia aparece cando apreciamos a dignidade de todas as persoas. Para nenas e nenos a partir de 4 anos. Entrada libre ata completar a capacidade da sala. Ademais, todas as persoas que se acheguen á biblioteca poderán desfrutar das mostras bibliográficas “Autoras de banda deseñada“ que estará no 2o andar do 1 ao 30 de marzo e “Querida mamá: estou aprendendo a ladrar” que estará do 4 ao 31 de marzo na sala infantil. Celebramos o 8 de marzo co poema de Olga Novo e cunha selección de libros infantís feministas do noso centro de interese sobre Igualdade.

Comentarios