CCOO e UGT consideran un "éxito" a folga feminista do 8M

CCOO e UGT consideran un "éxito" a folga feminista do 8M
CCOO e UGT consideran un "éxito" a folga feminista do 8M

Para UGT e CCOO, o "apoio maioritario" da sociedade galega a esta convocatoria "é a proba de que as reivindicacións do sindicalismo de clase, compartidas polo movemento feminista, son tamén maioritarias"

CCOO de Galicia e UGT-Galicia congratuláronse do "éxito" na Comunidade autónoma da folga convocada con motivo do Día Internacional da Muller con seguimento masivo en grandes empresas e administracións públicas, segundo un comunicado conxunto.

Para UGT e CCOO, o "apoio maioritario" da sociedade galega a esta convocatoria "é a proba de que as reivindicacións do sindicalismo de clase, compartidas polo movemento feminista, son tamén maioritarias" entre a poboación.

Nese sentido, consideran necesario "denunciar e desterrar a brecha salarial, a precariedade laboral das mulleres e o acoso e a violencia de xénero".

Ambos os sindicatos denuncian a "discriminación laboral e salarial" das traballadoras galegas, ao sinalar que "a igual formación, os homes logran maiores taxas de ocupación en todos os niveis formativos".

Tamén alertan de que a brecha salarial é de 23 puntos e critican a existencia "dun teito de cristal" que provoca que só o 2,3 % da poboación ocupada feminina estea en postos de dirección ou xerencia.

CCOO e UGT denuncian ademais a precariedade das mulleres galegas no ámbito laboral cunha taxa de temporalidade feminina de 27,5 puntos, fronte aos 25,6 puntos para os homes, un diferenza que aumenta desde 2012.

Segundo o comunicado, un 89,5 % das persoas que non acceden ao mercado laboral por ter que coidar menores, persoas adultas enfermas ou dependentes son mulleres.

Engaden que a porcentaxe de mulleres ocupadas a tempo parcial ascende ao 77,4 %, fronte ao 22,6 % dos homes que traballan baixo esta modalidade.

Subliñan que o 76,4 % das reducións de xornada seguen sendo solicitadas por mulleres, e que a brecha de xénero nas pensións é de 36,3 puntos.

Á marxe da situación laboral, UGT e CCOO de Galicia denuncian ademais que as mulleres son aínda vítimas dunha "insoportable violencia machista que inclúe o acoso en todas as súas formas" e advirte de que "urxen xa medidas reais e efectivas que combatan esta secuela que afecta á nosa sociedade de forma crecente".

Igualmente, os sindicatos alertan de situacións de acoso sexual nos centros de traballo e lamentan que, "aínda que a lei protexe contra estas situacións, as denuncias son poucas polas dificultades probatorias ou polos medos para perder o emprego".

Comentarios