Comeza a sétima edición do Festival Atlántica

Comeza a sétima edición do Festival Atlántica

Pep Bruno deleitará a nenos e maiores con "Na miña mochila traio contos" na librería Follas Novas

O Festival Atlántica comeza este martes, 12 de marzo, a súa sétima edición, que se vai desenvolver ata o vindeiro día 23 en 16 concellos de toda Galicia: Santiago de Compostela, Ferrol, Lugo, Lalín, Teo, Pazos de Borbén, A Fonsagrada, Viveiro, Monforte de Lemos, Guitiriz, A Coruña, Ourense, Vigo, Rianxo, Brión e Cuntis. Están programadas máis de 90 funcións dirixidas a todos os públicos e nas que participarán unha trintena de artistas internacionais e nacionais.

Como salienta a súa directora, Soledad Felloza, trátase do “encontro de narración oral máis grande da Península Ibérica” e de Galicia, “un referente do mundo da lusofonía”. Seguindo a liña doutras edicións, Atlántica recunca con espectáculos para todos os públicos e en espazos diversos. Volverán as contadas en lingua de signos, para bebés e para os maiores, e tamén os paseos con contos. 

As historias tomarán os teatros, as bibliotecas, os centros cívicos, os bares, as rúas, os parques e mesmo os cemiterios. O festival vai estrear novos formatos, como os contos de orella a orella nas rúas, as contadas cos cans nos parques e tamén haberá tapas atlánticas nos bares e tabernas.

TRIPLETE PARA COMEZAR

A primeira función de Atlántica 2019 vai ser, a partir das 18:00 horas, na Aula de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago. A narradora tinerfeña Laura Escuela levará ata alí as súas ‘Animaladas’, unha sesión de historias tradicionais e álbums ilustrados cos animais como protagonistas que estará acompañada por instrumentos musicais.

Á mesma hora na librería Follas Novas estará o contador Pep Bruno de Guadalaxara. O artista brindará unha sesión do seu espectáculo ‘Na miña mochila traio contos’, dirixido ao público familiar con entrada gratuíta ata completar aforo. Unha invitación a descubrir todas as historias que Bruno vai colleitando nas súas viaxes polo mundo e que constitúen unha auténtica festa da palabra dita.

A primeira xornada do Festival Atlántica rematará cunha función de ‘Por unha peseta’ da compañía galega Apatacón no local Borriquita de Belem (21:00 horas, 6 euros, venda no local). Neste espectáculo conxunto de Vero Rilo e Paula Romero converxen voz narrada e cantada “para atopar canto vale unha peseta”. 

Historias de vida próximas e afastadas que se xuntan nunha peza para achegar a partes iguais o humor, a sensibilidade e a tenrura propias da nosa xente. ‘Por unha peseta’ é unha volta aos tempos dos nosos devanceiros, pero desde un punto de vista actual que respecta os seus saberes, tradicións, historias e retranca.

Comentarios
Lo más